Sistema acreditador da formación continuada

O Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (SNS), en sesión plenaria celebrada o 15 de decembro de 1997, aprobou o texto do Convenio de Conferencia Sectorial sobre Formación Continuada das Profesións Sanitarias, que foi publicado no Boletín Oficial do Estado número 38, do día 13 de febreiro de 1998. Nacen así o sistema de acreditación e a Comisión de Formación Continuada das Profesións Sanitarias do SNS.
 
Integran o sistema de acreditación da formación continuada dos profesionais sanitarios no SNS:
 
1. A Comisión de Formación Continuada das Profesións Sanitarias, constituída en virtude do artigo 34 da Lei 44/2003, do 21 de novembro. Esta comisión nacional, ten a consideración de órgano colexiado das Administracións Públicas, adscrito á Comisión de Recursos Humanos do SNS, está integrada por representantes de tres ministerios (dous de Sanidade e Consumo, un do Ministerio de Educación e Ciencia e outro do Ministerio de Defensa), e das 17 Comunidades Autónomas. Entre as súas funcións figuran a coordinación dos plans e actuacións das Comunidades Autónomas en materia de formación continuada e o establecemento dos criterios xerais, comúns e mínimos para a acreditación de actividades, de profesionais e centros docentes.

2. Os órganos específicos de acreditación constituídos polas Comunidades Autónomas, que segundo a Lei 44/2003, do 21 de novembro, modificada pola Sentenza do Tribunal Constitucional 1/2011, do 14 de febreiro, poderán acreditar actividades de formación continuada das profesións sanitarias.
 
A acreditación, que deberá realizarse conforme a criterios comúns, xerais e mínimos establecidos pola Comisión de Formación Continuada das Profesións Sanitarias do SNS, terá efectos en todo o territorio nacional, sexa cal sexa a administración pública que expida a acreditación.
 
A solicitude de acreditación realizarase na Comunidade Autónoma onde o provedor teña a súa sede social, coas seguintes excepcións:

a. No caso de actividades con formato congreso, a solicitude realizarase na Comunidade Autónoma onde teña situada a sede o comité organizador ou onde se celebre.

b. No caso de provedores sen sede social en España, poderán realizar a solicitude de acreditación na Comunidade Autónoma da súa elección.

 

O Sistema Acreditador da Formación Continuada dos profesionais sanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia (Saga) foi creado mediante o Decreto 8/2000, do 7 xaneiro, coa misión de contribuír a asegurar a calidade da formación continuada ofertada por provedores públicos ou privados, con sede social en Galicia, que dirixen os seus programas aos profesionais sanitarios.

Está integrado pola Comisión Autonómica de Formación Continuada, o Comité de Acreditación e a Secretaría Técnica.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.