Plataforma de innovación sanitaria

A Axencia de Coñecemento en Saúde transforma o xeito en que as persoas implicadas no sistema sanitario público galego se relacionan e participan nel. A través da implantación e xestión dun modelo de innovación aberta e de enfoque social, ábrense oportunidades ilimitadas para que profesionais, pacientes, coidadores, empresas e demais perfís implicados acheguen ideas de mellora baseadas na súa experiencia.

A ferramenta para canalizar estas ideas e convertelas en proxectos con resultados aplicables á realidade cotiá da práctica asistencial é a Plataforma de Innovación Sanitaria. O seu gran reto é introducir cambios de forma áxil, substituíndo procesos pouco eficientes por alternativas de maior calidade e estendéndoos a todo o sistema de saúde.

Da idea ao proxecto. Ademais de ocuparse de avaliar e apoiar o desenvolvemento dos proxectos, os profesionais da plataforma fan o seguimento necesario tras a implantación para asegurar o impacto dos seus resultados, é dicir, que estes realmente supoñen unha mellora substancial na prestación do servizo de saúde ao que afectan.

Durante todo o proceso, axilizan trámites administrativos e toma de decisións, buscan as convocatorias de financiamento máis axeitadas, identifican e contactan socios e realizan as tarefas de asesoramento e soporte en calquera outro ámbito prioritario para que o proxecto se converta nun novo produto ou servizo sanitario.

Deseñada como unha utilidade viva que continuamente explora novas dinámicas de participación, a plataforma constitúe unha fórmula totalmente innovadora de fortalecer o sistema de saúde. O pulo a unha actitude aberta, proactiva e participativa por parte das persoas e a adecuada xestión do coñecemento compartido por elas son os eixes da actuación de ACIS neste eido.

 

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.