Premios de innovación en saúde

A Plataforma de Innovación (PI) é unha ferramenta para que os profesionais do sistema sanitario público galego, pacientes, coidadores, empresas e demais perfís implicados no sector da saúde acheguen as súas ideas de mellora ou proxectos co fin de substituír procesos ou servizos pouco eficientes por alternativas de maior impacto. A PI recolle, valoriza e acompaña estas ideas ou proxectos co fin de convertelas en proxectos con resultados aplicables á realidade cotiá da práctica asistencial e estendelos a todo o Sistema Público de Saúde de Galicia. Para a promoción e dinamización da achega de ideas á PI por parte de calquera profesional do Sistema Público de Saúde de Galicia creouse un nodo de innovación (NI) en cada unha das sete áreas sanitarias de Galicia.

Esta rede de sete nodos de innovación recolle e comparte coa Plataforma de Innovación baixo un modelo de gobernanza coordinado e aberto aquelas ideas que están aliñadas ca Estratexia 2020 do Servizo Galego de Saúde, que sexan innovadoras e presenten beneficios para o Sistema Público de Saúde de Galicia e os seus usuarios.

Os Premios de innovación en saúde pretenden premiar aquelas ideas innovadoras dos profesionais do sistema sanitario público galego que teñen potencialidade para entrar na PI, é dicir, novas ideas que non se estean a desenvolver dentro dela. As sucesivas edicións dos premios poderán premiar xa aqueles proxectos de innovación máis maduros que estean desenvolvéndose dentro da Plataforma de Innovación como canle nucleadora e vertebradora da innovación dentro do sistema sanitario público galego.

Así mesmo, coa finalidade de impulsar a participación dos pacientes nos procesos de I+D+i e nas incorporacións de innovacións na sanidade pública, os premios prevén unha categoría de ideas presentadas directamente por persoas físicas, asociacións ou organizacións de pacientes para os efectos de que poidan ser postas en marcha dentro do sistema sanitario público de Galicia.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.