Sanidade reúnese coa rexión sueca de Norrbotten para traballar na transferencia do sistema galego de teleasistencia no marco do proxecto CIRCE

 
Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023.- A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e o Servizo Galego de Saúde, a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, participaron no día de hoxe nunha reunión en liña con representantes da Rexión sueca de Norrbotten e do Consello Nacional de Saúde e Benestar de Suecia, celebrada no marco do proxecto CIRCE Joint Action Transfer of Best Practices in Primary Care.
 
O proxecto ten por finalidade transferir seis boas prácticas no ámbito da atención primaria, desenvolvidas en Bélxica, Portugal, Eslovenia e España, a outros socios europeos con importantes diferenzas na organización e estrutura dos seus sistemas sanitarios. O interese común de todos os socios do proxecto é reforzar os sistemas sanitarios europeos a través do fortalecemento da atención primaria.
 
Unha das boas prácticas obxecto de transferencia seleccionadas pola Comisión Europea é o sistema de teleasistencia domiciliaria TELEA, que será transferida e implantada nas rexións europeas de Norrbotten (Suecia), Piemonte, Teramo, Emilia-Romagna (Italia).
 
A sesión, liderada por Branca Cimadevila, Xefa do Servizo de Integración Asistencial e Marta Álvarez, enfermeira e técnica do Servizo de Integración Asistencial, comezou cunha presentación sobre as características esenciais que definen a teleasistencia, os elementos clave para conseguir implantar con éxito a telemonitorización e as experiencias piloto realizadas en Galicia.
 
Ademais, o encontro en liña contou coa participación de Daniel Simón Valero, enfermeiro no Hospital de Vigo, formador de TELEA e técnico do servizo de Innovación, que explicou o funcionamento da plataforma TELEA e a formación que o SERGAS proporcionou aos profesionais sanitarios para integrar o uso da telemonitorización na práctica asistencial.
 
Por outra banda, Eduardo Martínez, enfermeiro do centro de atención primaria de Vigo, interveu na xornada para explicar aos socios suecos as rutinas de traballo dos profesionais sanitarios que empregan TELEA e puxo sobre a mesa as utilidades e beneficios da teleasistencia desde a súa perspectiva asistencial.
 
Como resultado, este encontro de dúas horas permitiu aos representantes de Norrbotten coñecer en profundidade o sistema de teleasistencia galego, comprender as diferenzas entre o seu sistema sanitario e o galego e afondar nas barreiras, necesidades, así como actividades que serán necesarias para facilitar a transferencia do sistema de telemonitorización galego a esta rexión.
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.