Sanidade comparte con outras rexións europeas o seu sistema de teleasistencia

 

  • A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde e o Servizo Galego de Saúde, a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, participan no proxecto CIRCE, como propietarios da boa práctica TELEA.
  • O proxecto, destinado á transferencia e implantación de boas prácticas en atención primaria, conta cun financiamento de 12 millóns de euros e a participación de 14 socios europeos.
 
Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2023.- O SERGAS e a ACIS participan no proxecto CIRCE (Joint Action Transfer of Best Practices in Primary Care) que ten por finalidade transferir e implantar boas prácticas levadas a cabo na atención primaria, entre elas, a plataforma de teleasistencia domiciliaria para seguimento e contacto entre doentes crónicos e profesionais sanitarios (TELEA).
 
Ao longo do mes de outubro, no marco deste proxecto celebráronse webinarios entre os propietarios das boas prácticas obxecto de transferencia e as súas rexións implementadoras. Galicia protagonizou a sexta sesión destes webinarios.
 
A xornada, celebrada este luns 30 de outubro, contou coa participación de representantes do SERGAS e da ACIS; así como das rexións italianas de Piemonte, Teramo e Modena, e a rexión sueca de Norbotten, que implementarán o sistema de telemedicina galego nos seus respectivos territorios.
 
A sesión comezou cun breve resumo das actividades que se levarán a cabo nos próximos meses no paquete de traballo 5 do proxecto (Metodoloxía para o proceso de transferencia e avaliación de necesidades) e no paquete 6 (Proceso de transferencia e piloto de aplicación), e que irán encamiñadas a dotar aos pilotos de implementación das ferramentas necesarias para iniciar o proceso de transferencia das boas prácticas.
 
A continuación, Marta Álvarez Vázquez, enfermeira e técnica do Servizo de Integración Asistencial do SERGAS tomou a palabra para presentar TELEA. Durante a súa intervención resaltou as características do sistema sanitario galego e a nosa demografía, os elementos claves da telemonitorización, os actores implicados e resultados positivos obtidos, que redundaron no empoderamento do paciente e a mellora da súa calidade de vida.
 
Despois, durante a quenda de debate, os pilotos de implementación puideron expor as súas dúbidas, solicitar información, expoñer as barreiras que poderían dificultar a adopción desta boa práctica nos seus territorios, así como expor os pasos e actividades que necesitarán desenvolver para adaptar e implantar o sistema de telemonitorización nas súas rexións.
 
Este webinario permitiu aos implementadores coñecer en maior profundidade o modelo de telemedicina galego, analizar as similitudes e elementos diferenciais respecto a os seus sistemas sanitarios, así como expoñer as necesidades e actividades que precisarán levar a cabo para poder implementar con éxito o modelo de telemonitorización de Galicia nas súas respectivas rexións.
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.