Unha canle para transformar o sistema

A Plataforma de Innovación é unha ferramenta transversal da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde cuxo obxectivo último é xestionar os resultados de innovación sanitaria, enmarcados nun modelo de “innovación aberta” e “innovación social”. Fálase dun modelo de innovación aberta porque, baixo un proceso de xeración de ideas, calquera profesional, usuario ou axente externo pode achegar propostas de mellora capaces de xerar grandes cambios na forma de concibir a organización. É unha innovación social porque o noso proceso de innovación conta coa visión de deseño de servizos dende o punto de vista do usuario, o paciente é o noso obxectivo.

O reto da Plataforma non é a realización de proxectos ou programas piloto “pomposos”, nin a captación de recursos para financialos. O reto é introducir cambios dunha forma áxil, substituír procesos pouco eficientes por procesos de alta calidade, evitando modelos aditivos; xestionar resultados satisfactorios de proxectos de innovación e estendelos a toda a organización e reproducilos de forma sistemática.

Os profesionais teremos que deixar de facer unhas cousas para facer outras que proporcionen máis beneficio para os pacientes. Para iso é necesario ilusionar e implicar os profesionais: “traballamos para mellorar a saúde das persoas”.

Así pois, é imprescindible entender que a sustentabilidade do noso modelo pasa por aproximar a innovación aos profesionais, por tecer unha rede “informal” de intraemprendedores capaces de mobilizar e xestionar o cambio internamente. É por este motivo que se creou recentemente unha Rede de Nodos de Innovación con presenza en cada unha das sete Áreas de Xestión Integrada.

Os nodos de innovación facilitan a realización de proxectos promovidos polos seus profesionais e facilitan a captación e posta en práctica de melloras, froito de proxectos de innovación sanitaria realizados noutros centros. Os nodos han de ser un medio para compartir esforzos, experiencias e resultados baixo un modelo de gobernanza coordinado e aberto.

Os nodos deben de ser unha ferramenta en mans das xerencias para xestionar o proceso de innovación na área, dende a captación de ideas ata a xestión dos seus resultados. Os nodos realizan tarefas de dinamización, formación e promoción de proxectos de innovación sanitaria que partan dende os profesionais. Coa Plataforma de Innovación Sanitaria, a coordinación en rede dos nodos de innovación permitirá aliñar todas as iniciativas de innovación ao redor de liñas estratéxicas coordinadas, así como dotalas de servizos e de acceso a fontes de financiamento.

Dende as xerencias, e co apoio de Servizos Centrais, promoveranse cambios organizativos estruturais que faciliten un modelo de xestión e execución áxil e desburocratizado.

Tamén necesitamos traballar en innovación nos servizos asistenciais nunha busca continua de impacto asistencial, así como en innovación na administración sanitaria para conseguir impacto na xestión.

Para iso necesitamos centrarnos, a medio prazo, en incorporar a cultura da innovación para que o cambio cultural sexa un compromiso de todos. Na actualidade, contamos con espazos de innovación en todas as áreas de xestión integrada nos que os profesionais poden colaborar/participar/presentar/executar as súas ideas/proxectos en equipos multidisciplinares. Pequenos cambios, como a implantación de ideas de mellora no día a día, serán a mellor base para cimentar e incorporar a innovación como eixo da nosa organización.

Os profesionais son os verdadeiros protagonistas do cambio, pero é a organización a encargada de modular as estratexias adecuadas que faciliten a evolución das ideas que teñan alto impacto para o sistema e para o paciente e quen debe de recoñecer e incentivar adecuadamente os profesionais que participan en proxectos de innovación.

Ao longo destes últimos anos, dende a Plataforma de Innovación Sanitaria no marco do programa de innovación InnovaSaúde, executáronse máis de 30 proxectos de mellora en servizos asistenciais nos que participaron máis de 200 profesionais contando, nalgúns dos proxectos, con grupos focais de usuarios. Ata este momento, despregáronse proxectos nas sete áreas de xestión integrada, tanto no ámbito da atención primaria como no da hospitalaria. Entre outros, presentáronse temas como:

  • Xestión loxística de Probas Complementaria
  • Caso de uso: Ecocardiografías
  • Xestión e prevención de erros de medicación
  • Proxecto de mellora integral urxencias
  • Proxecto de mellora quirófanos
  • Enquisa Atención Primaria
  • Polimedicados en pacientes institucionalizados
  • E-interconsulta Rehabilitación
  • Redeseño software de Xestión Unidade de Sono e Ventilación
  • Xestión loxística en Farmacia nun Servizo de Urxencias
  • Redeseño Servizo de Farmacia Externa dende a perspectiva usuario, etc.

Todos os proxectos utilizaron metodoloxías áxiles: lean manufacturing, semanas genba-kaizen, design thinking, creative problem solving e contan con resultados de impacto tanto sobre racionalización de recursos como sobre a eficiencia na xestión.

Son moitos os resultados conseguidos e aínda máis os retos por acadar. Se queres innovar, se cres que as solucións dependen de ti e queres ser o protagonista do cambio, xa sabes onde atoparnos, estamos a esperar por ti.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.