13. Transferencia e difusión de resultados

Desenvolvemento dun modelo eficiente de transferencia e difusión dos resultados xerados polos grupos de investigación co obxectivo de crear valor asistencial e económico a través de novos produtos e servizos sanitarios.

Materializouse en:
  1. O Programa de Desenvolvemento Comercial de Resultados de Investigación do Sistema Público de Saúde Galego (PRIS), que xa completou a primeira edición con 9 proxectos e está desenvolvendo unha segunda.
  2. O proxecto InnovaSuMMa, que ten como obxectivo desenvolver novos protocolos clínicos que permitan mellorar a segmentación dos pacientes oncolóxicos. En concreto, preténdese incorporar solucións baseadas en sistemas de detección de biomarcadores avanzados de diagnóstico, prognóstico, elección e resposta ao tratamento en patoloxías oncolóxicas que superen aos actuais.

Cinco propostas. O proxecto InnovaSuMMa focalízase en buscar solucións a estas necesidades a través de acordos de compra pública precomercial con pemes e empresas de base tecnolóxica do sector biotecnolóxico. ACIS recibiu cinco propostas con tecnoloxías punteiras que poden contribuír a mellorar o manexo actual dos pacientes e a optimizar os recursos e os tempos de traballo nos centros hospitalarios. Estas cinco empresas (Genomica, Progenika, Amadix, Immunostep e IgenBiotech) están traballando con oncólogos, patólogos e outros profesionais para adaptar as súas tecnoloxías ás necesidades dos servizos de oncoloxía do Sergas.

Vantaxes asociadas. InnovaSuMMA está abrindo o camiño cara:
  • A administración de terapias personalizadas, capaces de aumentar a efectividade dos tratamentos e a calidade de vida dos pacientes.
  • Unha optimización das probas que hai que realizar aos pacientes e dos seus gastos asociados.
  • A introdución na Administración de innovadores mecanismos de compra que aumentan as capacidades dos servizos de contratación do Sergas e posibilitan retornos en forma de royalties que poden reinvestirse en novos proxectos de investigación e innovación.
  • A apertura de novas vías para futuras colaboracións en proxectos de I+D entre os equipos clínicos e os grupos de investigación do Sergas e empresas de alta tecnoloxía do sector biotecnolóxico.

Prioridades sanitarias. InnovaSuMMA recibiu unha atención prioritaria por parte de ACIS polo seu potencial para ofrecer solucións avanzadas na abordaxe de problemas sanitarios de primeira orde. As razóns que avalan esta decisión son:
  • As características do cancro convérteno nunha doenza modelo para o uso de biomarcadores avanzados e a medicina personalizada.
  • No Plan Galego de Prioridades Sanitarias 2014-2016, que identifica os problemas sanitarios mais relevantes para Galicia, entre as oito doenzas prioritarias tres son patoloxías oncolóxicas: cancro de pulmón, cancro de colon e cancro de mama feminino.
  • Os profesionais de oncoloxía reclaman cada vez máis estratexias que permitan individualizar e personalizar os tratamentos.

Referente europeo na investigación con biomarcadores. Grazas a InnovaSuMMa, o Sergas mantén a súa posición de liderado en España na implantación da compra pública innovadora e convértese en referente europeo no campo da aplicación da compra pública precomercial sobre investigación con biomarcadores.

InnovaSuMMa abre ao mesmo tempo o camiño para que a innovación a través do instrumento de compra pública precomercial chegue pronto a outros sectores da economía galega como a acuicultura, as enerxías renovables ou a alimentación, xerando emprego e aumentando a competitividade das empresas galegas.

O proxecto InnovaSuMMa foi recoñecido como unha das Mellores Ideas de 2014 por Diario Médico, na categoría de Política Sanitaria.

Marco de colaboración. O proxecto, cofinanciado nun 80% pola Unión Europea a través do Programa Operativo Feder Galicia 2007-2013, conta co apoio da Sociedade Oncolóxica de Galicia, a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, a Asociación Española de Bioempresas (Asebio) e os servizos de Oncoloxía e Anatomía Patolóxica de todos os centros hospitalarios da rede Sergas.

InnovaSuMMa apoiouse nas conclusións do proxecto SUMMA, posto en marcha por Asebio para o fomento da compra pública innovadora no eido da medicina personalizada. Estas conclusións permitiron a ACIS coñecer a oferta tecnolóxica en diagnóstico/prognóstico e elección de tratamento baseados en biotecnoloxía no eido da oncoloxía. Ademais, foi posible analizar a demanda pública deste tipo de tecnoloxías adaptando os cuestionarios e metodoloxías estatísticas do proxecto SUMMA aos profesionais da rede do Sergas.​

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.