O Servizo Galego de Saúde xunto coa Axencia Galega de Coñecemento en Saúde participan na asamblea xeral do proxecto PROCURE4HEALTH en Murcia

 

  • O 14 de novembro de 2023 celebrouse a asemblea xeral dos socios de PROCURE4HEALTH en Murcia.
  • A través deste encontro presencial, os socios tiveron a ocasión de opinar e debatir sobre os progresos obtidos no proxecto, producíndose o intercambio de experiencias en materia de compra pública innovadora entre o conglomerado de países que forman dita comunidade.
 
Santiago de Compostela, 20 novembro 2023.- O pasado 14 de novembro tivo lugar a asemblea xeral de socios do proxecto PROCURE4HEALTH, destinado á creación dunha rede europea de compra pública innovadora no eido da saúde, xunto co intercambio de boas prácticas e coñecementos.
 
O acto comezou coa exposición do procedemento de innovación, dos principais beneficiarios deste tipo de actividades e das importantes reunións en liña, a través dos twinnings e working groups que se fan para o intercambio de ideas. A continuación presentáronse os avances acadados ata o momento, xunto co informe das próximas actividades de PROCURE4HEALTH.
 
Ao longo da sesión, os coordinadores dos diferentes paquetes de traballo centráronse en avaliar detidamente os progresos efectuados nos últimos tempos, entre outros, no eido do coñecemento e intercambio de capacidades entre os compradores públicos de innovación, os efectos das comunicacións tras 18 meses a través de artigos, webinars e redes sociais, da análise do mercado, ou das consultas preliminares ao mercado realizadas noutros países. Do mesmo xeito, quedou deseñado o plan de acción para afrontar os retos da saúde, mediante o desenvolvemento dun plan estrutural, xunto cunha estratexia de necesidades legais, clínicas e técnicas a cubrir. Así, os coordinadores dos paquetes de traballo do proxecto aportaron a experiencia dos seus países na temática de PROCURE4HEALTH, coas políticas que seguen e a presentación de guías de compra pública innovadora, poxando sempre pola promoción de novas tecnoloxías e a confianza na innovación. PROCURE4HEALTH busca, polo tanto, a creación de plans de saúde persoalizados, a busca da detección e prevención no ámbito sanitario, e o impulso da atención primaria.
 
Aproveitando o encontro de socios celebrouse a xornada titulada Impactful Innovation Conference onde Javier Quiles, subdirector de sistemas de información da Área Sanitaria de Ferrol, en representación do Servizo Galego de Saúde, presentou á comunidade de PROCURE4HEALTH a plataforma de teleasistencia domiciliaria TELEA, que facilita o acceso telemático do paciente a diversos servizos asistenciais no seu domicilio.
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.