O Servizo Galego de Saúde participa no taller de transformación dixital celebrado en Jerez de la Frontera no marco do proxecto PROCURE4HEALTH

  • O día 30 de novembro de 2023 tivo lugar en Jerez de la Frontera o Taller MIND Transformación Dixital, organizado polo Servicio Andaluz de Salud e coa participación do Servizo Galego de Saúde e do Instituto Aragonés de Ciencias de la Salud.
  • A través desta reunión, o Servicio Andaluz de Salud ensinou ao resto de socios españois o seu proceder no eido da compra pública innovadora.
 
Jerez de la Frontera, 30 de novembro de 2023.- Os socios españois do proxecto PROCURE4HEALTH continúan coa colaboración e intercambio de experiencias dentro dos seus sistemas sanitarios, reforzando os coñecementos na innovación e, en especial, na compra pública innovadora.
 
Para iso, o 30 de novembro de 2023 celebrouse un acto en Jerez de la Frontera organizado polo Servicio Andaluz de Salud (SAS), ao que asistiron o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), representado por Javier Quiles del Río, subdirector de Sistemas e Tecnoloxías da Información da área Sanitaria de Ferrol e o Instituto Aragonés de Ciencias de la Salud (IACS).
 
O principal obxectivo do Taller MIND é trasladar aos axentes de innovación un sistema metodolóxico robusto e contrastado de detección de necesidades non cubertas que permitan unha mellora dos servizos de saúde e a sustentabilidade dos sistemas públicos. Para iso, búscase involucrar aos diferentes axentes de innovación no desenvolvemento do MDTSalud Andalucía. Trátase dun Sistema de identificación de necesidades non cubertas do Sistema Sanitario Público Andaluz (SSPA), cuxos obxectivos son a identificación e recompilación de necesidades non cubertas polo mercado actual e a priorización en retos ou propostas estratéxicas para abordar o seu financiamento e desenvolvemento.
 
A través do MDTSalud Andalucía poderase, polo tanto, identificar e validar necesidades polos profesionais, contrastar a necesidade nun modelo aberto e colaborativo que conte cos axentes de innovación, analizar a pertinencia, os impactos organizacionais, a sustentabilidade ou a viabilidade. Ao mesmo tempo, permitirá a lexitimación e priorización das propostas por parte dos responsables da propia organización.
 
Do mesmo xeito, ao longo da xornada, os socios debateron sobre múltiples e interesantes asuntos médicos, entre outros, da creación de novos modelos na relación médico-paciente, das pertinentes melloras nos procesos organizativos de xestión do SSPA ou de novas solucións que faciliten a gobernanza e transferencia interna dos servizos públicos do SSPA.
 
Por outra banda, levouse a cabo a exposición de novas solucións que melloren a comunicación interna-externa no SSPA, xunto coa mellora da formación, capacitación e participación dos profesionais sanitarios.
 
Finalmente, os socios centráronse en debater a mellora da capacidade de avaliación para a aplicación na xestión de innovación e investigación.
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.