A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde organiza un encontro cos responsables da innovación sanitaria de Andalucía e Aragón no marco do proxecto PROCURE4HEALTH

 
  • A celebración das reunións tivo lugar nas cidades de Santiago de Compostela e Ferrol durante os días 19 e 20 de decembro de 2023.
  • A través destes encontros, tanto o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) como a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), compartiron e debateron co resto de socios as numerosas experiencias adquiridas nos seus múltiples proxectos.
 
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2023.- Durante os días 19 e 20 de decembro de 2023, tanto a ACIS como o SERGAS foron anfitrións nas cidades de Santiago de Compostela e Ferrol, respectivamente, duns encontros cos socios españois dentro do marco do proxecto PROCURE4HEALTH.
 
A estes eventos foron convidados membros do Servicio Andaluz de Salud (SAS) e da Fundación Progreso y Salud (FPS). Do mesmo xeito, tamén asistiron compoñentes do Instituto Aragonés de Ciencias de la Salud (IACS), estando representadas tres comunidades autónomas (Galicia, Andalucía e Aragón) con peso e experiencia na compra pública innovadora no ámbito da saúde.
 
O día 19 de decembro de 2023, tivo lugar na sede da ACIS a primeira das dúas reunións previstas en Galicia. A xornada foi presentada por José María Romero, director da área de innovación sanitaria da ACIS. O principal enfoque da reunión baseouse en compartir os resultados obtidos nas consultas preliminares ao mercado dos proxectos CÓDIGO 100 (centrado na resposta temperá ao cambio demográfico e o impulso dun novo sistema sanitario preparado para liderar un envellecemento activo e saudable); INNOVATRIAL (atopar solucións innovadoras no eido da xestión de ensaios de investigación biomédica e ciencias da saúde); INNOVA MICROLAB (desenvolvemento de dúas plataformas tecnolóxicas automatizadas para un diagnóstico microbiolóxico ultrarrápido de patoloxías infecciosas e estudo da evolución do microbioma en pacientes con enfermidades metabólicas); e PRECISAÚDE (busca o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas na aplicación de técnicas de diagnóstico e tratamento específicas para cada paciente en función das súas características individuais). Tras as pertinentes exposicións, fomentouse un frutífero debate entre os asistentes, compartindo as situacións vividas nos seus respectivos sistemas de saúde.
 
Ao día seguinte, Javier Quiles del Río, subdirector de Sistemas de Información da área Sanitaria de Ferrol, presentou a xornada no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. O encontro baseouse na presentación de tres proxectos de innovación para a xestión de datos e a investigación clínica como INNOVATRIAL; TARTAGLIA (creación dunha rede federada que, mediante o uso de intelixencia artificial, mellore a investigación clínica en España); e HEXIN (plataforma que permite a explotación de información clínica dispoñible nos sistemas existentes co propósito de facilitar a toma de decisións clínicas, proporcionar información para a identificación e clasificación de casos de epidemioloxía e proporcionar información de xestión). En relación co proxecto TARTAGLIA, realizouse unha visita ao Laboratorio de Patoloxía, localizado no Hospital Naval de Ferrol.
 
Debido á experiencia do SERGAS cos proxectos de innovación, presentáronse ademais tres proxectos que chegaron ao nivel de desenvolvemento tecnolóxico TRL9 no sistema de saúde galego:
  • Sistema de información de URXENCIAS SIGUR (sistema de xestión para os servizos de urxencias hospitalarios, 061 e centros PAC con funcionalidades de xestión clínica, análise de actividade e información ao paciente).
  • Sistema Departamental de Oftalmoloxía NAZZAR (sistema de información para a xestión da Unidade de Terapia Intravítrea coa que conta a área Sanitaria de Ferrol. É un software de xestión de datos que permite analizar a actividade da Unidade).
  • Sistema de Historia Clínica integrada IANUS5 (historia clínica electrónica única transversal, intelixente e colaborativa, potenciando a posibilidade de contactar cos pacientes e achegar o traballo dos profesionais á sociedade).
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.