A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde acolle a primeira sesión de traballo do ecosistema de I+D+i eurorexional Galicia-Norte de Portugal no marco do proxecto TRANSFIRESAÚDE

 
  • TRANSFIRESAÚDE persegue a creación de redes de cooperación territorial no eido do ecosistema de innovación, científico e tecnolóxico, conta cun orzamento de 1,8 millóns de euros.
  • Oito centros de I+D+i da eurorexión participaron na reunión para planificar as actividades a realizar durante o 2024.
 
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2024.- Os socios do proxecto TRANSFIRESAÚDE celebraron a primeira sesión de traballo nas dependencias da  Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS). TRANSFIRESAÚDE enmárcase no Programa de Cooperación Interreg VI, atópase financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) nun 75%, e conta cun orzamento de 1,8 M €. O proxecto aposta polo reforzo da integración do ecosistema de investigación e innovación en saúde eurorrexional para o desenvolvemento de actuacións conxuntas para abordar os retos vencellados ao envellecemento activo e saudable e a medicina personalizada, preferentemente na contorna da atención primaria.
 
Este proxecto, coordinado pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, conta ca participación de diferentes organismos do ámbito da I+D+i sanitaria de Galicia (ACIS, Universidade de Vigo, Centro de Investigación en Tecnoloxías de Innovación CITIUS); e da rexión do Norte de Portugal (i3S-Instituto de Investigação e Inovação em Saúde da Universidade do Porto, Centro Clínico Académico-Braga, Associação (2CA-Braga), ACMP5 - Associação Centro de Medicina P5, INESC TEC - Instituto de Engenharia de Sistemas e Computadores, Tecnologia e Ciência); xunto coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves-Verín.
 
A apertura do acto correu a cargo do Xerente da ACIS, Antonio Fernández-Campa quen destacou a ambición do proxecto e os lazos que nos unen con Portugal. Durante a sesión celebrada ao longo da mañá, tivo lugar a posta en común por parte dos socios participantes da programación e planificación das diferentes actividades enmarcadas no proxecto para afrontar a problemática común obxecto de análise da eurorrexión dende enfoques diferentes pero complementarios. Por unha parte, o reforzo da integración do ecosistema investigador, identificando as principais necesidades do sector sanitario e traballando na súa abordaxe. E a aceleración dos mellores resultados de investigación biomédica para a súa aproximación ao mercado e fomento da colaboración público/privada, como pode ser a Compra Pública Innovadora no que o Servizo Galego de Saúde é referente europeo.
 
PRIMEIRA CONVOCATORIA TRANSFRONTEIRIZA DO PROGRAMA DE IMPULSO DOS RESULTADOS DA INVESTIGACION BIOMÉDICA EN SAÚDE (PRIS4T)
 
No marco do proxecto está prevista a convocatoria dunha convocatoria do Programa de Desenvolvemento Precomercial de Resultados de Investigación do Sistema Público de Saúde Galego (PRIS) dotada cun orzamento de medio millón de euros xestionados pola ACIS. Trátase dunha ferramenta deseñada para tender unha ponte entre o coñecemento xerado polos grupos de investigación e a creación de valor económico e asistencial a través de novos produtos e servizos.
 
O seu funcionamento basease na identificación de proxectos de investigación en saúde que se están a desenvolver en Galicia e que xa teñen resultados con potencial comercial. Posteriormente, realizar unha análise por expertos externos que permita identificar os puntos fortes e febles de cada proxecto, enfocado ao seu potencial desenvolvemento comercial; para a continuación seleccionar os máis relevantes e elaborar un plan de desenvolvemento estratéxico detallado sobre eles. Financiarase o codesenvolvemento dese plan, en colaboración con empresas, priorizando a fórmula da compra pública innovadora.
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.