Os plans complementarios proporcionan aos especialistas en formación coñecementos non incluídos nos programas específicos de cada especialidade, pero que son igualmente necesarios para desenvolver unha óptima práctica profesional. Ademais, achegan aos residentes formación en temas básicos que lles axudan a iniciar o seu período de residencia con seguridade.
- Programa común complementario. Está dirixido a todos os residentes, principalmente aos que se incorporan á formación. Ademais de abordar temas médicos como a resucitación cardiopulmonar, a electrocardiografía básica e protocolos básicos de urxencias, contempla a formación en materias transversais como a bioética, a xestión clínica elemental, a medicina baseada na evidencia e a metodoloxía da investigación.
- Programa específico complementario. Trátase dun programa máis específico. O seu contido decídeo a Comisión de Docencia a partir da análise das necesidades formativas individuais ou dun grupo de residentes dunha ou varias especialidades, dando prioridade ás que sexan máis importantes dende o punto de vista docente, para as que promoverán as accións formativas necesarias.