Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2020.- O Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial E.P.E. (en adiante, CDTI), entidade pública empresarial adscrita ao Ministerio de Ciencia e Innovación, convocou en data de 15 de xaneiro unha Consulta Preliminar do Mercado (CPM) do proxecto INNOVATRIAL destinado a coñecer o grao de desenvolvemento da tecnoloxía no campo da xestión dos ensaios e estudos de investigación biomédica e das Ciencias da Saúde.
Este proxecto constitúe unha das medidas que poñerá en marcha a Consellería de Sanidade neste ano 2020 en materia de fomento da investigación sanitaria e que servirá para obter unha ferramenta que permita xestionar mellor a investigación realizada no seo do Sistema Público de Saúde de Galicia e facilitará unha maior interconexión coa actividade asistencial.
A través dun convenio de colaboración o CDTI e o Servizo Galego de Saúde resolven cooperar activamente nun proceso de contratación pública precomercial para a consecución dos seguintes obxectivos:
1.- Solucionar, mediante a contratación de servizos de I+D, a necesidade pública detectada polo Servizo Galego de Saúde no ámbito das súas competencias que non pode ser satisfeita a través dos produtos ou solucións existentes no mercado.
2.- Cooperar na busca da solución tecnolóxica máis adecuada para resolver a citada necesidade pública.
3.- Promover a innovación tecnolóxica no ámbito dos ensaios/estudos clínicos.
4.- Estimular e promover o desenvolvemento de tecnoloxías aplicadas a estas necesidades.
Con carácter previo a este procedemento, realizáronse consultas preliminares de mercado (CPM), co obxecto de coñecer os avances, alternativas, novidades e prezos do mercado para identificar necesidades e definir nos pregos as características do obxecto a contratar. Trátase da procura de solucións innovadoras que sirvan de ferramenta de apoio para a xestión de todo o proceso desde o inicio ata o remate dos estudos de investigación biomédica e das ciencias da saúde.
Como resultado deste proceso elaborouse un informe final de conclusións da CPM para a preparación da potencial licitación de compra pública precomercial. Este informe describe o desenvolvemento do proceso e as súas conclusións e está publicado nas páxinas web do CDTI e da Plataforma de Contratación do Sector Público (PLACSP).