Nova visión para afrontar os retos do coñecemento. A ferramenta máis valiosa dos profesionais sanitarios para o coidado da saúde é o coñecemento. A experiencia, a formación, a investigación, a innovación e as novas tecnoloxías garanten a mellora continuada da práctica sanitaria e é necesaria unha xestión integrada de todas elas para lograr a máxima obtención de valor cara ao paciente.
Por unha banda, a asimilación e aplicación de novas técnicas, terapias e tratamentos é imprescindible para ofrecer unha atención sanitaria da máxima calidade. Por outra, o avance do coñecemento que fai posible estas novas ferramentas é cada vez máis rápido, polo que é imprescindible ter os recursos necesarios para xestionalo de maneira autónoma, áxil e eficiente, orientada a resultados e cunha visión capaz de combinar as necesidades inmediatas coa planificación a medio e longo prazo.
A nosa misión. ACIS é o instrumento ao servizo do Sistema Público de Saúde de Galicia para que o coñecemento circule de forma óptima desde a súa orixe ata a súa transferencia á sociedade. Para logralo, integra nunha mesma cadea de valor:
- A formación dos profesionais sanitarios.
- A investigación en saúde.
- A innovación baixo un enfoque aberto para que os resultados cheguen do laboratorio á cama do paciente e tamén ao mercado, con retornos económicos que reverterán na sanidade pública.
- A avaliación de tecnoloxías para garantir a aplicación das máis novas baixo criterios de máxima seguridade.
Competencias
As competencias de ACIS cobren as diferentes etapas da cadea de valor do coñecemento.
A xestión integrada destas etapas, baseada na colaboración, a participación e a visión innovadora, favorece a circulación do coñecemento desde a primeira ata a última e entre todas elas:
- A xeración de coñecemento nos centros sanitarios, coordinando e planificando a investigación.
- A difusión do coñecemento que atesouran os nosos profesionais, a través da formación innovadora.
- A análise e síntese do coñecemento en tecnoloxías sanitarias, mediante a súa avaliación rigorosa.
- A transferencia do coñecemento dentro do ecosistema de saúde e cara á sociedade, a través da innovación.