Aberto o prazo para a presentación de candidaturas aos IV premios de innovación en saúde no Sistema Público de Saúde de Galicia

  • O obxectivo do premio é estimular a innovación no eido da innovación, tanto dos profesionais da Consellería de Sanidade e o Sector Público, como dos pacientes e as súas asociacións.
  • A presentación de candidaturas realizarase a través da Sede electrónica da Xunta de Galicia

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2024.- No día de hoxe comeza o prazo de dous meses para a presentación de candidaturas aos IV Premios de Innovación en Saúde no Sistema Público de Saúde de Galicia 2024 a través da Sede electrónica da Xunta de Galicia.
 
Estes premios buscan fomentar as ideas innovadoras nas que traballan os seus profesionais, para mellorar a calidade de vida das persoas e a sustentabilidade do Sistema Sanitario Público Galego, e iniciativas presentadas por persoas físicas (pacientes, coidadores, etc), entidades ou asociacións de pacientes sen fins lucrativos que colaboran de xeito directo ou indirecto, na busca dun Sistema Público de Saúde máis innovador e eficiente.
 
A Consellería de Sanidade aposta por un modelo de innovación aberta no que todas as partes interesadas deben de participar e crear unha interacción fluída e combinar as ideas dos sistemas de innovación na procura dun Sistema Público de Saúde máis innovador e eficiente. Nesta convocatoria perséguese continuar impulsando a participación cidadá nos procesos de I+D+i e nas incorporacións de actividades e proxectos innovadores na sanidade pública.
 
Para continuar nesta liña, mantéñense as dúas categorías de participación das edicións anteriores, modalidade de profesionais (se a candidatura é presentada por profesionais do Sistema Público de Saúde de Galicia) e pacientes (presentada por persoas físicas, organización ou asociacións de pacientes). As dúas modalidades contarán con dous gañadores cada unha (primeiro e segundo premio).
 
A cuarta entrega dos premios encárase co obxectivo de continuar co éxito acadado nas tres anteriores, cun total de 233 proxectos presentados, dos cales 48 corresponderon á modalidade de pacientes e 185 foron presentados por profesionais.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.