A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde liderará o proxecto europeo HERCULES

  • Trátase dun proxecto, dentro do espazo Interreg Europe, centrado na medicina personalizada que fomenta un envellecemento activo e saudable da poboación.
  • O proxecto conta cun orzamento de 1,6 millóns de euros e 7 rexións socias.


Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2024.- A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) liderará o proxecto HERCULES, dentro do programa de colaboración interrexional Interreg Europe, cunha duración de 3 anos.

A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde como líder do proxecto, contará coa colaboración e participación de diversos socios europeos para alcanzar as metas propostas de ata 6 países: Universidade de Twente (Países Baixos), Fondo de Desenvolvemento Rexional de Ática (Grecia), Municipio de Aarhus (Dinamarca), Rexión Västerbotten (Suecia), Rexión Emilia – Romaña (Italia), e Hospital St Jadwiga de Silesia en Trzebnica (Polonia).

En 2019, máis da quinta parte da poboación da Unión Europea tiña 65 anos ou máis, e as proxeccións indican que a porcentaxe de persoas de 80 ou máis anos multiplicaránse por dous. Por outra banda, a crise da Covid-19 amosounos a importancia das innovacións que sen dúbida poderán axudar ao ineludible proceso de transformación dos sistemas de saúde nun proceso máis proactivo, preventivo e personalizado.

O proxecto HERCULES pretende desenvolver un plan estratéxico a nivel europeo para o despregamento na contorna sanitaria de solucións que aborden esta temática, baseado nunha análise das vulnerabilidades, recursos e capacidades das rexións implicadas. Buscarase a participación de tódolos axentes da quíntuple hélice (cidadáns, autoridades rexionais, empresas, inversores e academia).

REFERENTES EN INNOVACIÓN EUROPEA CON 5 PROXECTOS EN MARCHA E 2 CONCLUIDOS EN 2023

HERCULES continúa a longa traxectoria de proxectos europeos de innovación no eido da saúde. Rematamos o 2023 coa conclusión de dous proxectos referentes no eido da Covid-19 coma TITTAN (1,7 M. €) e na medicina personalizada REGIONS4PERMED (1,6 M. €). Actualmente están en marcha cinco proxectos europeos cun orzamento que superan os 25 millóns de euros entre os que destacan: PROCURE4HEALTH para a creación dunha rede europea de compra pública de innovación en saúde (5 M. €); CIRCE para a transferencia e implantación de boas prácticas en atención primaria (12,2 M. €); INVEST4HEALTH que procura novos modelos de financiamento para os sistemas sanitarios (5,5 M. €); INNOV4LIFE para a creación dun ecosistema transfronteirizo de innovación colaborativa en saúde (2,3 M. €); e TRANSFIRESAÚDE cuxo obxectivo é o impulso da integración do ecosistema de I+D+i eurorexional en saúde (2,5 M. €). Ademáis Galicia é referente europeo pola Comisión Europea no desenvolvemento e adopción de prácticas innovadoras para un envellecemento activo e saudable dende 2023 logrando en 2019 o máximo galardón de 4 estrelas e revalidando o máximo resultado na última edición de 2022.

Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.