A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde lidera o novo programa eurorexional TRANSFIRESAÚDE para o fomento da innovación e transferencia de resultados da investigación biomédica

 
  • O proxecto impulsará a integración do ecosistema de I+D+i en saúde transfronteirizo para abordar retos conxuntos co país veciño como é o envellecemento activo e saudable e a medicina personalizada.
  • O proxecto contempla unha convocatoria por valor de medio millón de euros para o impulso dos resultados da investigación biomédica en Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2023.- O Comité de Xestión do Programa de Cooperación Interreg POCTEP acaba de conceder o proxecto TRANSFIRESAÚDE para o impulso do ecosistema de I+D+i en saúde cun orzamento superior os 1,8 millóns de euros e duración aproximada de 3 anos.
 
TRANSFIRESAÚDE é un proxecto liderado pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde xunto con con outros seis socios de Galicia (Universidade de Vigo, CITIUS, Eurocidade Chaves-Verín) e Norte de Portugal (Instituto de investigación a Universidade de Porto I3S, Centro Clínico Académico 2CA Braga, Asociación Centro de Medicina P5 ACMP5).
 
Ademais da coordinación do proxecto, entre as tarefas a liderar por parte da ACIS está o desenvolvemento dun plan de acción conxunto entre os principais grupos de investigación rexionais, a creación dunha plataforma colaborativa para o desenvolvemento de solucións innovadoras e unha convocatoria de impulso dos resultados da investigación biomédica por valor de medio millón de euros.
 
O proxecto aposta polo reforzo da integración do ecosistema de investigación e innovación en saúde eurorrexional para o desenvolvemento de actuacións conxuntas para abordar os retos vencellados ao envellecemento activo e saudable e a medicina personalizada, preferentemente na contorna da atención primaria.
 
Este reto interrexional só pode abordarse conformando un partenariado transfronteirizo que afronte a problemática dende enfoques diferentes pero complementarios. Por unha parte, o reforzo da integración do ecosistema investigador, identificando as principais necesidades do sector sanitario e traballando na súa abordaxe. E a aceleración dos mellores resultados de investigación biomédica para a súa aproximación ao mercado e fomento da colaboración público/privada (como pode ser a Compra Pública Innovadora no que o Servizo Galego de Saúde é referente europeo).

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.