h1

 O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo acolleu o pasado venres día 2 de xuño a reunión de lanzamento do proxecto Código Mais dentro do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España-Portugal (POCTEP), coordinado por ACIS,  cun orzamento de máis de 2,2 millóns €. O reto deste proxecto é a constitución e dinamización dun ecosistema transfronteirizo innovador, que impulse a cooperación segundo o modelo cuádruple hélice (administración, centros de I+D+i e Universidades, empresas e usuarios finais).

 Xunto a ACIS,  participan no proxecto outras catro organizacións galegas e catro portuguesas. Por parte de Galicia, as Universidades de Santiago e de Vigo (USC e UVigo), o Cluster de Saúde de Galicia (CGS) e o Cluster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA). Do Norte de Portugal, o International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL), o Health Cluster Portugal–Associação do Pólo de Competitividade da Saúde (HCP), a Universidade do Porto - Facultade de Medicina (FMUP) e o Centro Clínico Académico Braga (2CA-Braga).

20170607codigomais.jpg

 O encontro de lanzamento, no que estiveron representados todos os socios do proxecto, serviu para coordinar e calendarizar os traballos que se estenderán ata finais de 2019, ao longo das seis actividades nas que se estrutura o proxecto:

1) Establecemento e consolidación do Ecosistema Innovador
2)  Valorización de proxectos de I+D e promoción de proxectos áncora no ecosistema
3) Innovación en Servizos a través da innovación social
4) Internacionalización do ecosistema innovador
5) Xestión e Coordinación
6) Comunicación

 Nos vindeiros meses, durante o primeiro semestre do proxecto e no contexto da actividade 1 (coordinada polo HCP), Código Mais deberá  desenvolver a análise das necesidades e características do ecosistema de transfronteirizo de innovación, da man dos principais stakeholders de ambos lados da fronteira, e elaborar unha base de datos de organizacións públicas e privadas que teñan interese e capacidade para participar no ecosistema. Con este propósito celebraranse dous talleres. O primeiro deles en Portugal no mes de xullo, e un segundo en Galicia a finais de setembro.
Estes traballos serán a base para a elaboración, tamén durante este ano, dun plan estratéxico do ecosistema que defina prioridades e un plan de accións quinquenal, e irán ligados ao desenvolvemento dunha plataforma web que sirva de espazo virtual de encontro e intercambio de información para os membros do ecosistema.
 Código Mais súmase así a outros dous proxectos europeos que actualmente está coordinar ACIS. O proxecto TITTAN (Interreg Europe), cun orzamento de case 1,7 millóns de euros para  a creación dunha rede de intercambio, innovación e transferencia de tecnoloxía no ámbito do envellecemento, xunto a organizacións doutras sete rexións europeas, e o proxecto EMPATTICS (Horizon 2020), que dispón de 4 millóns de euros para desenvolver un proceso de compra pública precomercial de tecnoloxía innovadora no eido das enfermidades crónicas mediante un consorcio de oito entidades de cinco países diferentes.