Sanidade participa nun encontro en Zaragoza con responsables de innovación sanitaria de Andalucía, Aragón, Cantabria e Valencia no marco do proxecto PROCURE4HEALTH

 

  • A celebración das reunións tivo lugar nas instalacións do Instituto Aragonés de Ciencias da Saúde en Zaragoza.
  • A través destes encontros, tanto o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) como a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), compartiron e debateron co resto de socios as numerosas experiencias no eido da Compra Pública Innovadora e da transferencia de resultados da investigación biomédica adquiridas nos seus múltiples proxectos.


Zaragoza, 11 de abril de 2024.- O Servizo Galego de Saúde representado polo Subdirector de Sistemas da área sanitaria de Ferrol, Javier Quiles; xunto coa Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), representados pola responsable da área de Planificación da Investigación Sanitaria, Pilar Morgade, e da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria, José María Romero, participaron en Zaragoza nun encontro de intercambio de coñecemento e experiencias no eido da Compra Pública Innovadora e transferencia dos resultados da investigación biomédica dentro do marco do proxecto PROCURE4HEALTH no que ambas entidades son socias.

No encontro ademais do anfitrión, o Instituto Aragonés de Ciencias de la Salud (IACS), foron convidados membros do Servicio Andaluz de Salud (SAS) xunto coa Fundación Progreso y Salud (FPS), da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Goberno de Cantabria e da Fundación FISABIO en Valencia. Por parte de Galicia tamén participou, invitada polo SERGAS, Carmela Sánchez, profesora titular da Universidade de Santiago de Compostela e experta no ámbito de avaliación de impacto da CPI.

Durante os días 10 e 11 formuláronse distintas exposicións, fomentando o debate entre os asistentes, estando representadas cinco comunidades autónomas (Andalucía, Aragón, Cantabria, Valencia e Galicia) con peso e experiencia na compra pública innovadora no ámbito da saúde. O encontro enmárcase nas actividades de intercambio de experiencias “twinnings” en CPI do proxecto PROCURE4HEALTH e trala visita a Galicia de responsables de Andalucía e Aragón no pasado mes de decembro.

PROCURE4HEALTH

O proxecto PROCURE4HEALTH conta cun orzamento de 5 millóns de euros e busca crear unha rede europea de compradores públicos de solucións innovadoras en saúde. O proxecto o conforman 33 socios de 15 países, incluíndo 14 compradores públicos da Unión Europea. A participación en PROCURE4HEALTH integra ao SERGAS e ACIS na maior rede europea de compra pública innovadora de ámbito sanitario, axudando ás partes para definir necesidades comúns, trazar estratexias para os retos sanitarios do futuro, compartir boas prácticas de CPI e contribuír a transformalas en políticas públicas.

A nivel europeo, actualmente están en marcha seis proxectos europeos xunto con  PROCURE4HEALTH cun orzamento que superan os 25 millóns de euros entre os que destacan: CIRCE para a transferencia e implantación de boas prácticas en atención primaria (12,2 M. €); INVEST4HEALTH que procura novos modelos de financiamento para os sistemas sanitarios (5,5 M. €); TRANSFIRESAÚDE cuxo obxectivo é o impulso da integración do ecosistema de I+D+i eurorexional en saúde (2,5 M. €); INNOV4LIFE para a creación dun ecosistema transfronteirizo no eido dos living labs (1,5 M. €); e HERCULES centrado na medicina personalizada e o fomento do envellecemento activo e saudable da poboación (1,6 M. €).

REFERENTES EUROPEOS EN COMPRA PÚBLICA INNOVADORA

Os primeiros recoñecementos chegaron da man dos proxectos InnovaSaúde e Hospital 2050 co segundo Premio Europeo de Compra Pública Innovadora (Procurement of Innovation Award 2015) da Comisión Europea e o Premio Nacional de Innovación 2013, na modalidade de Compra Pública Innovadora.

No 2021, o Servizo Galego de Saúde logra ser gañador dos I Premios Europeos á Contratación Pública de Innovación do Consello Europeo de Innovación (EIC) nunha candidatura na que se recolle a aposta pola compra pública innovadora con programas dende Hospital2050 e InnovaSaúde; ata Código100 centrado no envellecemento poboacional; Innova MicroLab para encarar a resistencia antimicrobiana; ou INNOVATRIAL un sistema innovador para a xestión integral dos ensaios e estudios de investigación biomédica, actualmente en execución.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.