Participa na segunda convocatoria irmandamentos "Twinnings" do proxecto PROCURE4HEALTH para compartir coñecemento e colaboracións conxuntas no ámbito da Compra Pública Innovadora

 

  • O Servizo Galego de Saúde conxuntamente coa Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) participa no proxecto Procure4Health, un programa europeo cuxa principal finalidade é a creación dunha rede de provedores no eido da Compra Pública Innovadora (CPI) e financiado a través de Horizonte Europa.
  • Os compradores do sector sanitario público e privado poderán presentar a  súa candidatura á 2ª convocatoria de irmandamentos para coñecer ou adoptar solucións innovadoras, técnicas de contratación ou cuestións similares dispoñibles noutros lugares.
 
Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2023.- Procure4Health dispón dun importe total de 660.000 euros para actividades de irmandamento no marco do proxecto. Os irmandamentos son unha ferramenta comunitaria que permite o intercambio de coñecementos sobre un tema concreto reunindo a axentes experimentados dispostos a transmitir a súa experiencia a outros con menos experiencia. Deste xeito, ao longo dun período definido, as partes levan a cabo actividades varias, tales como visitas de estudo estruturadas, talleres, sesións de formación e períodos de prácticas, que conducen ao desenvolvemento efectivo das capacidades dunha ou ambas partes. Así, a través dos irmandamentos os socios aprenden das experiencias existentes que xa abordaron con éxito cos problemas e barreiras detectados, adoptando solucións, intentando acortar o tempo de implantación e os custos relacionados.
 
O principal obxectivo deste plan é apoiar a transferencia de coñecementos sobre a innovación e mellores prácticas. As propostas de irmandamento serán preparadas e presentadas conxuntamente por dous ou máis socios, actuando un deles coma socio principal da proposta. Cabe destacar que unha organización poderá participar en máis dun irmandamento, sempre que estas actividades sexan diferentes entre si.
 
As vantaxes para os solicitantes seleccionados serán:
 
1. Intercambio de experiencias en materia de contratación de innovación cun homólogo da súa elección.
2. Obter ata 30.000 euros de financiamento para viaxes, reunións, sesións de formación e compartir experiencias.
3. Aprender das experiencias existentes atendidas.
4. Mellorar a súa capacidade para abordar o tema dunha mellor maneira e máis informada na súa rexión.
5. Desenvolver un plan de acción concreto baseado na experiencia de irmandamento.
 
Estes irmandamentos están abertos a compradores públicos e privados, ou grupos de organizacións de compradores, que operen no eido da asistencia sanitaria e social establecidos nun Estado membro da Unión Europea (ou en países asociados a Horizonte Europa).
 
Os solicitantes interesados deberán presentar a solicitude electrónicamente a través da plataforma comunitaria en liña Procure4Health. A presentación de solicitudes estará aberta ata o 5 de decembro de 2023, ás 17:00 horas CET (hora de Bruxelas). Toda a información sobre a convocatoria de irmandamentos pode consultarse aquí: 2nd Call for Twinnings – Procure4Health

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.