PRIS

O Programa de Desenvolvemento Precomercial de Resultados de Investigación do Sistema Público de Saúde Galego (PRIS) é unha ferramenta deseñada para tender unha ponte entre o coñecemento xerado polos grupos de investigación e a creación de valor económico e asistencial a través de novos produtos e servizos.

 

O seu funcionamento basease en:
  1. Identificar proxectos de investigación en saúde que se están a desenvolver en Galicia e que xa teñen resultados con potencial comercial.
  2. Realizar unha análise por expertos externos que permita identificar os puntos fortes e febles de cada proxecto, enfocado ao seu potencial desenvolvemento comercial.
  3. Seleccionar os máis interesantes e elaborar un plan de desenvolvemento estratéxico detallado sobre eles.
  4. Financiar o codesenvolvemento dese plan, en colaboración con empresas, priorizando a fórmula da compra pública innovadora.

A compra pública permite que a administración invista en proxectos de investigación cuxos resultados teñen potencial para mellorar os seus propios servizos de saúde no futuro.

PRIS 1. O PRIS xa completou a súa primeira edición cun resultado de 9 proxectos que completaron o seu desenvolvemento tras superar todas as fases:

PRIS_GA_800x400.png
O proceso concluirá cun mínimo de cinco tecnoloxías sanitarias galegas no mercado e na carteira de servizos asistenciais. Nesta fase enmárcanse unha nova técnica que acurta os tempos de diagnóstico de nenos afectados por enfermidades infecciosas, mecanismos innovadores para o tratamento de cancro de ovario ou tratamentos novos para mozos afectados por problemas cognitivos e psicosociais, entre outros.

PRIS 2. A segunda edición do PRIS atópase en desenvolvemento, co obxectivo de acelerar novos proxectos con potencial para se converter en produtos e servizos innovadores capaces de:
  • Mellorar o sistema galego de saúde a través da súa implantación na carteira asistencial do Sergas.
  • Xerar retornos económicos no mercado a través da súa comercialización.

Se es un/ha investigador/a ou unha empresa interesada no PRIS pódeste informar no servizo de apoio á transferencia de coñecemento de ACIS.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.