O Conselleiro de sanidade reúnese coa rede de Nodos de innovación sanitaria para abordar as actividades durante o 2024

  • Durante a reunión abordouse a nova edición dos Premios de innovación en saúde impulsada pola Rede, coa publicación no DOG de hoxe as bases e convocatoria da súa IV edición
  • Tamén se abordou o estado do Decreto de creación da rede de Nodos de Innovación sanitaria

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2024.- A Rede de Nodos de Innovación reuniuse no día de hoxe para facer balance das actividades realizadas durante o último trimestre do 2023 e planificar as futuras. A reunión contou coa presencia do Conselleiro de Sanidade, Julio Garcia Comesaña e do Xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa xunto coa delegación de Nodos correspondente ás sete áreas sanitarias do SERGAS, a Dirección da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da ACIS e o 061 como invitado.
 
Durante a reunión perfiláronse as próximas actividades a realizar cos nodos nos que destaca a organización vindeiros premios de innovación en saúde por parte do Nodo da área sanitaria de Ferrol. Ademais se analizaron o estado dos proxectos premiados na edición anterior a cargo do Nodo de innovación da área sanitaria da Coruña e Cee. Nesa outorgáronse dous premios en cada unha das modalidades. Na de pacientes, a gañadora foi a proposta presentada pola Fundación Galega de Dano Cerebral FEGADACE “A Saúde Oral, garantía do benestar das persoas con Dano Cerebral Adquirido”, que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida e a autonomía das persoas con DCA, potenciando un correcto mantemento da saúde oral. O segundo premio da modalidade de pacientes recaeu sobre o proxecto “Alimentación texturizada”, presentado pola Asociación de pais de persoas con parálise cerebral- ASPACE CORUÑA, cuxa finalidade é favorecer que as persoas con disfaxia poidan ter unha alimentación máis completa, ao incluír alimentos que antes non podían inxerir por ser pouco seguros para elas.
 
En canto á modalidade de profesionais, o gañador fora Frank Alberto Betances Reinoso, co seu proxecto “Asistente virtual para rehabilitación e terapia de linguaxe”, que propón a dixitalización e desenvolvemento dun programa de estimulación temperá baseado nun asistente virtual que permita guiar aos pais para implementar programas de estimulación e rehabilitación domiciliaria. O segundo premio recaeu na proposta “Proxecto para a implantación de asistencia domiciliaria en nenos no marco dun programa de coidados paliativos”, presentado por Paula Buyo Sánchez, Ana Alas Barbeito e Gema Muñoz García, que propón a creación dunha unidade transversal formada por profesionais con formación específica en Coidados Paliativos Pediátricos, e que desenvolvan parte do seu labor asistencial en diferentes subespecialidades, como oncoloxía infantil, neuropediatría e coidados intensivos pediátricos, incluíndo a asistencia presencial, telefónica e no domicilio.
 
DECRETO DE CREACIÓN DA REDE DE NODOS DE INNOVACIÓN SANITARIA
 
O Decreto polo que se crea a rede de Nodos de Innovación sanitaria e se establece a súa composición, organización e funcións continúa a súa tramitación unha vez superada a fase de publicación no Portal de Transparencia e goberno aberto. Esta rede, dependente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), organismo adscrito ao Servizo Galego de Saúde, busca que os profesionais do sistema sanitario público galego, pacientes, coidadores, empresas e demais perfís implicados no sector da saúde, acheguen as súas ideas de mellora, dando resposta aos retos en saúde que presenta a nosa sociedade. A rede recolle, valoriza e acompaña estas iniciativas co fin de convertelas en proxectos con resultados aplicables á realidade cotiá da práctica asistencial e estendelos a todo o sistema público de saúde de Galicia.
 
Para a promoción e dinamización da achega de ideas á rede por parte de calquera profesional do sistema público de saúde de Galicia, regúlanse os nodos de innovación de cada unha das sete áreas sanitarias, xunto co nodo central que recae na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS). O decreto, que consta de 16 artigos, está dividido en dous capítulos.

IV EDICIÓN DOS PREMIOS DE INNOVACIÓN EN SAÚDE
 
A cuarta edición dos Premios de Innovación en Saúde impulsado pola Rede de Nodos de Innovación busca continuar promovendo ideas innovadoras como eixo central e impulsor da innovación no sistema sanitario público galego.
 
Estes premios buscan fomentar as ideas innovadoras nas que traballan os seus profesionais, para mellorar a calidade de vida das persoas e a sustentabilidade do Sistema Sanitario Público Galego, e iniciativas presentadas por persoas físicas (pacientes, coidadores, etc), entidades ou asociacións de pacientes sen fins lucrativos que colaboran de xeito directo ou indirecto, na busca dun Sistema Público de Saúde máis innovador e eficiente.
 
Para continuar nesta liña, manteranse as dúas categorías de participación das edicións anteriores: profesionais (se a candidatura é presentada por profesionais do Sistema Público de Saúde de Galicia) ou pacientes (presentada por persoas físicas, organización ou asociacións de pacientes). Ademais, as dúas modalidades contarán con dous gañadores cada unha (primeiro e segundo premio).
 
A cuarta entrega dos premios encárase co obxectivo de continuar co éxito acadado nas tres anteriores, cun total de 233 proxectos presentados, dos cales 48 corresponderon á modalidade de pacientes e 185 foron presentados por profesionais.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.