Sanidade participa no lanzamento do proxecto TARTAGLIA de creación dunha rede federada para acelerar a aplicación de intelixencia artificial nos sistemas de atención sanitaria

  • Representantes da Subdirección de Sistemas e Tecnoloxías da Información e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde participaron no evento de lanzamento do proxecto en Madrid.
  • O proxecto conta cun orzamento total de máis de 7,5 millóns de euros financiados a través da Unión Europea con fondos NextGenerationEU.
  • Un total de 17 entidades forman parte do proxecto que obtivo a maior puntuación de entre todos os proxectos presentados á convocatoria de Misións de I+D en Intelixencia artificial convocadas pola Vicepresidencia Primeira e Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

Madrid, 7 de abril de 2022.- A Consellería de Sanidade a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde participa no proxecto TARTAGLIA para a creación dunha rede federada de intelixencia artificial para acelerar a investigación sanitaria. O proxecto enmárcase en dentro do Programa Misións de I+D en Intelixencia artificial, da Axenda España Dixital 2025 e da Estratexia Nacional de Intelixencia artificial financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.
 
O obxectivo principal de TARTAGLIA é facilitar e fomentar a investigación clínica e sanitaria. Os datos clínicos das persoas son dos máis críticos e sensibles e o seu uso para a creación de modelos de Intelixencia artificial está moi limitado polas restricións regulatorias, administrativas, de seguridade e privacidade. Existen outros sectores que se beneficiarán da tecnoloxía (banca, turismo, servizos, transporte, etc.), pero o maior impacto social e económico é no sector Saúde.
 
A aplicación desta tecnoloxía nunha contorna relevante permitirá situar a tecnoloxía máis preto do seu obxectivo final, que é a comercialización. O proxecto conta coa participación de varias organizacións nacionais de saúde, entre elas axencias e institutos asociados a hospitais así como os Servizos Autonómicos de Saúde de Galicia, Canarias e A Rioxa. As 17 entidades que conforman o proxecto son:
 
  • GMV
  • Accexible Impacto SL
  • Barcelona Supercomputing Center - Centro Nacional de Supercomputación
  • Dasel SL
  • Fundació ACE, Institut Català de Neurociències Aplicades
  • Fundación para o Fomento da Investigación Sanitaria e Biomédica da Comunitat Valenciana
  • Fundación Canaria Instituto de Investigación Sanitaria de Canarias
  • Fundació TIC Salut Social
  • Fundación para a investigación do Hospital Universitario e Politécnico A Fe-Comunidade Valenciana
  • Fundación Rioxa Saúde
  • Opinno
  • Pixelabs SL
  • Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS)
  • Universidade Complutense de Madrid
  • PricewaterhouseCoopers Asesores de Negocios SL
  • Fundació Hospital Universitari Vall D' Hebron Institut de Recera
  • Veratech for Health, SL
 
No evento de lanzamento do proxecto celebrado hoxe no Teatro GMV Grisolia en Tres Cantos (Madrid), e que contou coa presenza da Subdirectora Xeral de Información Sanitaria e Avaliación do Ministerio de Sanidade, Mercedes Alfaro, profundáronse as oito liñas de investigación do proxecto, así como aspectos organizativos, administrativos e legais do mesmo.
 

Programa Misións de I+D en Intelixencia artificial, no marco da Axenda España Dixital 2025 e da Estratexia Nacional de Intelixencia artificial
 
A iniciativa Misións de I+D en Intelixencia artificial 2021 forma parte da axenda España Dixital 2025, da Estratexia Nacional de Intelixencia Dixital e está recollida na Reforma 1 do Compoñente 16 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O programa está xestionado pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial.
 
Os cinco sectores estratéxicos nos que deben enmarcarse os proxectos para formar parte do programa e recibir o financiamento son agricultura, saúde, medio ambiente, emprego e enerxía do século XXI. Respecto a a saúde, búscase a creación dun sistema intelixente de análise de datos que permitan anticipar e actuar de maneira temperá e ultra rápida ante as principais enfermidades físicas e psicolóxicas en 2050, no contexto da descentralización do sistema de saúde e o envellecemento.
 
A través do programa Misións de I+D en Intelixencia artificial fináncianse proxectos que se presenten na modalidade de cooperación, é dicir, deberán formar parte do consorcio polo menos, unha gran empresa, un organismo de investigación e difusión de coñecemento e cinco pemes. As axudas destinaranse a proxectos tanto de baixa madurez tecnolóxica (coñecidos como de investigación industrial) como de madurez tecnolóxica media (de desenvolvemento experimental). Os proxectos teñen unha duración máxima ata o 31 de decembro de 2024.
 
Entre os criterios de valoración do programa faise fincapé no impacto de cada proxecto atendendo a factores como a redución da brecha de xénero no ámbito da IA, a vertebración territorial do país, a participación das pemes como entidades finais que participen nos casos de uso, a transición ecolóxica, a difusión de resultados e coñecementos ou o emprego xerado.
 
 
O proxecto TARTAGLIA recibiu financiamento do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital (N.º expediente MIA.2021.M02.0005), correspondente aos fondos do Plan de Recuperación, Resiliencia e Transformación.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.