Sanidade comparte con outras rexións europeas o sistema pooling para a realización de PCR e a plataforma Telea contra a Covid-19

  • A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde lidera o proxecto europeo TITTAN Covid-19 con cinco rexións europeas co fin de establecer unha rede de intercambio de boas prácticas relacionadas coa Covid-19.
  • O proxecto finánciase a través do Programa Interreg Europe e foi seleccionado nunha convocatoria competitiva a nivel europeo.
 
Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2022.- A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde é a coordinadora do proxecto TITTAN (Translation, Innovation & Technology Transfer in Ageing Network in the context of the COVID-19 pandemic), que ten como obxectivo establecer unha rede de intercambio de coñecemento con outras rexións europeas para potenciar a innovación e a transferencia de tecnoloxía no eido da saúde. O proxecto ten unha duración de ano e medio e finánciase a través do Programa Interreg Europe cun orzamento de 1,7 millóns de euros.
 
Baixo o liderado da ACIS participan nesta iniciativa outras organizacións de referencia en Europa como a Fundación Vasca de Innovación e Investigación Sanitarias (BIOEF de Euskadi); a Fondazione Regionale per la Ricerca Biomedica (FRRB, de Lombardia en Italia); o Healthy Saxony, (HS de Saxonia en Alemaña); e o Digital Health & Care Innovation Centre (DHI de Escocia en Reino Unido).
 
No día de hoxe realizouse a primeira das sesións de intercambio de experiencias organizada polo socio de Escocia con fin de establecer un diálogo cos actores máis relevantes a nivel rexional para identificar as mellores prácticas relacionadas coa Covid-19 no eido da saúde potencialmente para ser transferidas a outras rexións europeas.
 
Durante o 2022 está previsto celebrar varias sesións adicionais de intercambio de experiencias en Saxonia (Alemaña) e no País Vasco. A conferencia final do proxecto será a cargo do coordinador do proxecto en Santiago de Compostela.
 
Sistema de pooling para a realización de PCR
 
O Xefe de Microbioloxía da Área Sanitaria de Vigo do Servizo Galego de Saúde, Benito Regueiro, mostrou o sistema do procesamento agrupado de mostras-Pooling no cribado da covid-19 aos socios europeos.
 
A xerencia da Área Sanitaria de Vigo puxo en marcha, no 2020 e por primeira vez en España, a técnica pooling, que permite analizar nun único test as mostras de varios cidadáns, multiplicando a súa capacidade de avaliación.
 
Consiste en agrupar as mostras de 20 persoas diferentes e procesalas xuntas, como se fosen as dun só individuo. Se o resultado do procesamento da mostra resultante é negativo, infírese que cada unha das mostras orixinais son tamén negativas, co que se aforraría o tempo e capacidade que conlevaría o estudo individual de cada unha das mostras orixinais.
 
Se pola contra o resultado global é positivo, téñense que separar as mostras para volvelas procesar: ou dividindo a mostra conxunta en fraccións máis pequenas ou analizando cada unha delas de xeito individual.
 
Este sistema é unha ferramenta diagnóstica de gran eficiencia que permite vixiar e controlar a circulación do virus en áreas estratéxicas. Isto é, en vez de esperar a que aparezan traballadores con síntomas, realízase unha acción proactiva de busca e identificación daqueles asintomáticos, para controlar o antes posible a aparición de brotes da enfermidade e garantir áreas estratéxicas libres de virus circulante.
 
Polo tanto, resulta moi eficaz para testar grupos de persoas en grandes centros de traballo, como persoal sanitario, usuarios e traballadores das residencias sociosanitarias, así como colectivos das áreas industriais.
 
Telea Covid-19
 
Pola súa banda, o Subdirector Xeral de Xestión Asistencial e Innovación do Servizo Galego de Saúde, Alfonso Alonso, mostrou ás rexións socias do proxecto a plataforma de teleasistencia domiciliaria do Servizo Galego de Saúde para o seguimento e contacto entre pacientes crónicos e profesionais sanitarios, que foi adaptada durante a pandemia co fin de vixiar os casos máis estables e liberar camas para os máis graves.
 
O sistema de telemonitorización galego leva anos optimizando a relación entre os pacientes e os profesionais Sergas, facilitando o seguimento do seu estado de saúde, dun xeito áxil, eficaz e sen necesidade de desprazamentos. Así, o seguimento individualizado permite unha asistencia sumamente próxima ao paciente, coa detección rápida dalgunha alteración dos parámetros rexistrados. Desde o ano 2015, en que comezou a súa implantación, Telea leva rexistrados máis de 977.000 datos de pacientes e, na actualidade, fai seguimento diario a máis de 6.000 pacientes que padecen algunha das 16 patoloxías rexistradas nos perfís de Telea.
 
Ademais, o sistema de teleasistencia domiciliaria xogou un papel fundamental durante a xestión da pandemia provocada pola covid-19 pois, a estes 6.000 pacientes, tamén se engaden os casos activos e os seus contactos estreitos, aos que se lles oferta unha canle electrónica de comunicación.
 
Telea ten como obxectivo principal mellorar a calidade de vida dos enfermos a través dun seguimento estreito, encamiñado a detectar con axilidade descompensacións nos indicadores de saúde.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.