Sanidade comparte con outras rexións europeas O Plan de atención e apoio aos profesionais sanitarios e a Estratexia galega de vacinación fronte á Covid-19

  • A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde lidera o proxecto europeo TITTAN Covid-19 con cinco rexións europeas co fin de  establecer unha rede de intercambio de boas prácticas relacionadas coa Covid-19.
  • O proxecto finánciase a través do Programa Interreg Europe e foi seleccionado nunha convocatoria competitiva a nivel europeo.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2022.- A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde é a coordinadora do proxecto TITTAN (Translation, Innovation & Technology Transfer in Ageing Network in the context of the COVID-19 pandemic), que ten como obxectivo establecer unha rede de intercambio de coñecemento con outras rexións europeas para potenciar a innovación e a transferencia de tecnoloxía no eido da saúde. O proxecto ten unha duración de ano e medio e finánciase a través do Programa Interreg Europe cun orzamento de 1,7 millóns de euros.

Baixo o liderado da ACIS participan nesta iniciativa outras organizacións de referencia en Europa como a Fundación Vasca de Innovación e Investigación Sanitarias (BIOEF de Euskadi); a Fondazione Regionale per la Ricerca Biomedica (FRRB, de Lombardia en Italia); o Healthy Saxony, (HS de Saxonia en Alemaña); e o Digital Health & Care Innovation Centre (DHI de Escocia en Reino Unido).

No día de hoxe realizouse a segunda das sesións de intercambio de experiencias organizada polo socio de Saxonia con fin de establecer un diálogo cos actores máis relevantes a nivel rexional para identificar as mellores prácticas relacionadas coa Covid-19.

Durante o 2022 está previsto celebrar outra sesión de intercambio de experiencias no País Vasco. A conferencia final do proxecto será a cargo do coordinador do proxecto e celebrarase en Santiago de Compostela.

Plan psicosocial de atención e apoio os profesionais sanitarios

A Xefa do Servizo Central de PRL da Dirección Xeral de Recursos Humanos do SERGAS, Nuria de Castro-Acuña Iglesias, mostrou o Plan de intervención psicosocial de atención e apoio ao persoal do Servicio Galego de Saúde na pandemia de Covid-19.

O SERGAS puxo en marcha no 2021 este Plan integral para a prevención de posibles problemas emocionais e de saúde no persoal e de esta maneira asegurar a calidade do servizo sanitario.

O obxectivo da iniciativa foi minimizar o impacto da pandemia na saúde e o benestar dos traballadores sanitarios, abatidos polo impacto emocional do seu traballo diario e por enfrontarse a unha situación tan nova e incerta. O plan, cun gran compromiso e unha forte estratexia de  comunicación, centrouse na organización de campañas e actividades que se estruturaron ao redor de tres eixos centrais: mellorar a comunicación interna e a escoita activa, fortalecer o seu traballo diario con accións de recoñecemento permanente e establecer medidas de apoio e atención psicolóxica.

Dentro do primeiro eixe destacamos o Programa de Equipos saudables e o Programa de transformación directiva, nos que se formaron 130 profesionais da UCI e 140 directivos respectivamente.

No segundo eixo, a iniciativa que máis acollida tivo entre os profesionais e o público en xeral foi a apertura de distintas canles para facer chegar o gran sentir dos cidadáns, o  agradecemento polo heroico traballo durante a pandemia. Redactáronse cartas de gratitude, distribuíronse 8500 carteis, recolléronse 211 correos electrónicos, 4.200 post-its en 70 furnas, 14.300 mensaxes en 100 paneis, 243 debuxos de nenos... unha gran tarefa de comunicación e recompilación que axudou o persoal a sentirse recoñecidos  e reconfortados dunha maneira moi visual, próxima e terapéutica.

Por último dentro do Plan de acompañamento psicolóxico tivo gran éxito o Ciclo de Conferencias presenciais e o programa Cóidate para coidar con máis de 300 intervencións de profesionais de saúde mental.

Estratexia galega de vacinación fronte a Covid-19

Pola súa banda, Susana Mirás Carballal, Xefa do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles da Dirección Xeral Saúde Pública da Consellería de Sanidade, mostrou ás rexións socias do proxecto as claves do grande éxito da estratexia de vacinación fronte á Covid que situaron a Galicia como a comunidade en España con maiores porcentaxes de cobertura en todos os rangos de idade,  superiores á media española.

Os 4 eixos fundamentais que a poñente describiu na súa  presentación son os seguintes:

  • A formación do persoal, creando figuras claves con labores integradoras e equipos especializados nas distintas tarefas.
  • O apoio de innovacións tecnolóxicas para os distintos momentos do proceso. Entre elas destacamos o uso de códigos QR para as citacións, que garantiu a identificación unívoca do doente e a trazabilidade da súa dose, e o uso de outras melloras tecnolóxicas para axilizar tarefas como o acceso e rexistro de datos.
  • Unha organización e loxística na que se mediu cada detalle para verificar a entrega e  rexistro das doses diarias e a posterior devolución das doses sobrantes, tamén apoiada por innovacións tecnolóxicas como a medición da temperatura de forma continua gracias a un data logger.
  • E por último unha transparencia na comunicación de toda a información por medio da publicación continua de datos na dirección https://coronavirus.sergas.gal/, que contribuíu a involucrar aos cidadáns no proceso.

Finalmente destacáronse as especialidades na vacinación infantil que outorgou os nenos galegos vacinados o “carné de súper heroes”,  situando Galicia moi por enriba do porcentaxe de poboación pediátrica vacinada en España.

Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.