Sanidade celebra xunto coa rexión polaca de Baixa Silesia una xornada de irmandamento no campo do envellecemento activo e saudable financiado pola Comisión Europea

Durante a xornada virtual organizada por videoconferencia dende o Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, compartiuse o funcionamento do sistema de telemonitorización TELEA do Servizo Galego de Saúde.

TELEA foi adaptada durante a crise da Covid-19 para facilitar o seguemento dos casos de pacientes no domicilio e residencias sociosanitarias, así como para realizar controis tra-la alta hospitalaria en pacientes complexos.

 

Ferrol, 25 de novembro de 2020.- Galicia acadou, xunto coa rexión de Baixa Silesia (Polonia), unha das seis iniciativas “Twinning” financiadas pola Comisión Europea para facilitar a irmandade e intercambio de boas prácticas dentro do programa europeo para o envellecemento activo e saúdable, “EIP on AHA” (European Innovation Partnership on Active and Healthy Ageing), e que serven para levar a cabo actividades de intercambio de coñecemento. Galicia acadou o recoñecemento de Rexión de Referencia no ano 2019 neste eido.

A xornada contou coa presenza do Xerente da área Sanitaria de Ferrol, Angel Facio Villanueva, acompañado por profesionais sanitarios que trasladaron a súa experiencia co sistema TELEA. Participaron tamén na xornada a Dirección de Procesos e Soporte e a Subdirección de Sistemas de Información de Ferrol, xunto coa área de Innovación Sanitaria da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), quen coincidiron en destacar a aposta actual do Servizo Galego de Saúde para contar cun sistema de telemonitorización, que ven de ser adaptado durante a crise da Covid-19 cunha nova funcionalidade para facilitar o seguemento de pacientes e o control preventivo dos residentes en centros sociosanitarios.

Por parte de Polonia, conectouse a través de videoconferencia por mor da Covid-19, o Director do Hospital A. Falkiewicz Specialist (Breslavia – Wroclaw), e oficiais da oficina Rexional de Sanidade de Baixa Silesia, entre outros.

Grazas á iniciativa “Twinning”, o grupo de traballo formado por Galicia e Baixa Silesia puideron compartir os aspectos técnicos e organizativos que facilitarán a implantación dun sistema de telemonitorización na rexión polaca, que ao igual que o sistema TELEA, non só será accesible para os profesionais da saúde senón tamén para os pacientes a través dun acceso en liña.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.