Resolución

A proposta de acreditación emitida polos avaliadores será elevada, a través da Secretaría Técnica, á Comisión Autonómica de Formación Continuada, que é o órgano competente para resolver a acreditación.

A resolución, que ten validez no conxunto do Sistema Nacional de Saúde, seralle comunicada aos provedores pola Secretaría Técnica.

En caso de estar acreditada, porque a solicitude superou a avaliación cualitativa, a Secretaría Técnica comunicaralle o número de créditos asignados á actividade e as condicións que se deben cumprir para poder utilizalos.

A actividade pode ser denegada ou non acreditada polos seguintes motivos:

  • A actividade non supera a avaliación cualitativa, é dicir, as puntuacións obtidas en obxectivos, metodoloxía, pertinencia, avaliación da actividade e organización e loxística son moi baixas e a puntuación obtida pola actividade non acadou o mínimo esixido para o factor de calidade.
  • A solicitude é desestimada por non cumprir algún requisito necesario para a súa acreditación.
  • O provedor desiste na súa solicitude: a actividade non será acreditada xa que, tras solicitarlle algunha rectificación ao provedor, este non o fai no prazo establecido.

Contra as resolucións da Comisión os provedores poderán solicitar ante a Secretaría Técnica a revisión por unha única vez e no prazo dun mes a contar dende a súa notificación. Fronte á resolución desta revisión poderase interpoñer recurso de alzada perante a/o conselleira/o de Sanidade no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

As resolucións de acreditación están condicionadas ao cumprimento da lexislación en vigor e de todos os requisitos esixidos por este sistema de acreditación, así como á achega de toda a información que a Secretaría Técnica considere necesaria para a valoración da actividade formativa e para a auditoría.

Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.