Premios de innovación en saúde

A Plataforma de Innovación Sanitaria é unha ferramenta para que os profesionais do sistema sanitario público galego, pacientes, coidadores, empresas e demais perfís implicados no sector da saúde acheguen as súas ideas de mellora ou proxectos co fin de substituír procesos ou servizos pouco eficientes por alternativas de maior impacto. A Plataforma de Innovación recolle, valoriza e acompaña estas ideas ou proxectos co fin de convertelas en proxectos con resultados aplicables á realidade cotiá da práctica asistencial e estendelos a todo o Sistema Público de Saúde de Galicia. Para a promoción e dinamización da achega de ideas á Plataforma por parte de calquera profesional do Sistema Público de Saúde de Galicia creouse un nodo de innovación en cada unha das sete áreas sanitarias de Galicia.
 
Esta rede de sete nodos de innovación recolle e comparte coa Plataforma de Innovación baixo un modelo de gobernanza coordinado e aberto aquelas ideas que están aliñadas ca Estratexia 2020 do Servizo Galego de Saúde, que sexan innovadoras e presenten beneficios para o Sistema Público de Saúde de Galicia e os seus usuarios.
 
Esta primeira edición dos Premios de innovación en saúde pretende premiar aquelas ideas innovadoras que teñen potencialidade para entrar na Plataforma de Innovación, polo tanto, premiaranse novas ideas que non se estean a desenvolver dentro dela. As sucesivas edicións dos presentes premios poderán premiar xa aqueles proxectos de innovación máis maduros que estean desenvolvéndose dentro da Plataforma de Innovación como canle nucleadora e vertebradora da innovación dentro do sistema sanitario público galego.
 
Así mesmo, coa finalidade de impulsar a participación dos pacientes nos procesos de I+D+i e nas incorporacións de innovacións na sanidade pública, prevese unha categoría especial de ideas presentadas directamente por persoas físicas, asociacións ou organizacións de pacientes para os efectos de que poidan ser postas en marcha dentro do sistema sanitario público de Galicia.

Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.