Presentación da Rede Galega de Biobancos (RGBB) en ACIS

O pasado venres día 6 de Outubro, ás 12.00 horas, tivo lugar no Salón de Actos da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) a presentación da Rede Galega de Biobancos (RGBB).

A Rede Galega de Biobancos (RGBB), promovida polo Servizo Galego de Saúde, en colaboración coa Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), é unha iniciativa de coordinación e cooperación entre os biobancos autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia e constitúese por tanto como un axente de investigación sanitaria. A RGBB ten como principal obxectivo coordinar a actividade dos biobancos integrados nesta, desenvolvendo procedementos de traballo técnicos, organizativos e ético-legais comúns.

Os biobancos hospitalarios de Galicia, almacenan mostras de tecidos e fluídos de pacientes, e constitúen un valor como ferramentas de investigación científica, repercutindo no conxunto da mellora da asistencia sanitaria.

En Galicia existen catro biobancos, nas áreas sanitarias de Vigo, A Coruña, Santiago e Lugo. En total, almacénanse máis de 140.000 mostras procedentes de tecido (fundamentalmente de orixe tumoral) biopsias líquidas, ADN, ou fluídos como plasma, soro ou líquido cefalorraquídeo. Ademais destas mostras habituais, no caso do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo existe un depósito de cerebros, con máis de 180 exemplares.​

20171010.jpg
A gran maioría das mostras proceden de "excedentes cirúrxicos", como explica a responsable do biobanco de Vigo, Vanesa Val, e sempre previo consentimento informado. "Habitualmente, tras o diagnóstico, hai un material biolóxico sobrante, que se refuga. Este material ten unha importancia vital no progreso da medicina" , sinala o doutor José Luis Rey, do biobanco do Hospital Lucus Augusti.

O desenvolvemento da Rede Galega de Biobancos supón unha iniciativa que reforzará o contido, xestión e coordinación dos biobancos da nosa Comunidade Autónoma.

2017101002.jpg
Do mesmo xeito, o responsable do biobanco de Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Máximo Fraga, incide en que con esta iniciativa, teremos "máis forza e presenza" na Rede Nacional de Biobancos, coordinada polo Instituto de Saúde Carlos III.

O evento reuniu a prestixiosos profesionais, entre os que destacaron Manuel Morente, Coordinador da Plataforma Rede Nacional de Biobancos e Cristina Villena, futura Coordinadora tamén do devandito Organismo, con obxecto de debater en torno ao valor estratéxico dos biobancos dentro da investigación biomédica e o futuro de Plataforma da Rede Nacional de Biobancos.

O acto foi clausurado por Antonio Fernández-Campa, Xerente do Sergas, que subliñou a importancia da RGBB como un dos eixos ao redor dos cales virará a investigación sanitaria en Galicia.

2017101003.png

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.