Pertinencia

A pertinencia da formación que se quere impartir é o que lle dá sentido e, xa que logo, debe estar relacionada cos problemas e necesidades de saúde da poboación e as competencias dos profesionais aos que está destinada.

A formación continuada trata de manter e mellorar as competencias dos profesionais sanitarios para que estes, á súa vez, poidan intervir dunha forma máis eficiente no desempeño profesional no seu posto de traballo e conseguir un impacto positivo sobre os problemas e necesidades de saúde da comunidade á que serven.

Trátase de xustificar, por unha banda, a que problema ou necesidade de formación tenta responder e, por outra banda, por que se oferta ao colectivo profesional en cuestión así como os beneficios esperables que a formación pode xerar respecto ao problema identificado.

Pódense utilizar argumentos de tipo epidemiolóxico, de custo-beneficio, demandas sociais, programas sanitarios, volume de actividades realizadas, normativa reguladora, éticos, novidades tecnolóxicas, evidencias científicas, consensos, protocolos vixentes, plans de formación...

A argumentación baseada en información de calidade, o máis actualizada posible e contrastable, é valorada positivamente.

Cite e describa as fontes de onde xurdiu ou o método utilizado para a detección da necesidade de organizar e ofertar a formación que se quere acreditar, tales como avaliación do desempeño, avaliación de competencias, memorias, artigos, estudos, enquisas, boletíns, lexislación, plan de formación das entidades, actas de reunións onde se decida a formación... O detalle das fontes ou métodos utilizados valórase positivamente cando permite corroborar que deles nace a necesidade formativa expresada.

Cando a formación se ofrece a colectivos diferentes, é importante deixar claro que o seu nivel de formación e competencias son adecuados para acadar e aproveitar a aprendizaxe pretendida.
 
Na descrición dos beneficios esperados coa formación, valórase a presenza de indicadores que permitan avaliar o beneficio en termos de resultados de saúde, mellora da atención, rapidez de resposta.

 

É o apartado máis valioso; a media das cualificacións dos avaliadores neste caso multiplícase polo factor de ponderación 2

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.