Living Lab de Ourense

A participación no Living Lab está aberta a iniciativas de carácter innovador xa sexa en produto/servizo, en procesos e/ou no modelo de negocio tanto no sector sanitario e biomédico como naqueles que sexan transversais ao sector saúde: alimentación, TIC, novos materiais e construción, electrónica e robótica.
 
No marco do desenvolvemento dos proxectos seleccionados, poñeranse á disposición das entidades as instalacións do Living Lab de Ourense.
 
O Living Lab de Ourense dispón dunha contorna de hospitalización experimental situado no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), con escenarios clínicos de gran desenvolvemento tecnolóxico que permitirán desenvolver neles contornas Living Lab nas que testar dunha forma sistemática a experiencia do usuario. O hospital conta tamén cun espazo para "co-crear" a través da interactuación e intercambio de coñecemento.
 
1. Contorna de hospitalización experimental no hospital de Ourense. Os espazos en que testar as solucións innovadoras constan de:
 
  • Zonas de planta de hospitalización experimental: na planta sétima existen 15 cuartos (21 pacientes) para a integración de terapias alternativas na asistencia clínica. O resto están en plantas convencionais e serán os grupos de control.
  • Salas de terapias: as salas de terapias son espazos especificamente deseñados para o desenvolvemento de diferentes modos de asistencia sanitaria. Inclúe unha sala de posturografía, que dispón dunha plataforma móbil e contorna visual referenciada ao movemento para medir o control postural estático e dinámico do paciente, e unha sala de estimulación multisensorial, cun amplo abano de técnicas dirixidas a proporcionar todo un conxunto de sensacións e estímulos específicos a pacientes.
  • Cuberta terapéutica: na cuberta, situada na oitava planta, deseñáronse diferentes espazos vinculados directamente coa hospitalización experimental, que buscarán a integración de terapias alternativas en conxunción con novos modelos de atención sanitaria expostos. Na cuberta inclúense hortos terapéuticos, pensados fundamentalmente para pacientes con patoloxías cardíacas, neurolóxicas e psiquiátricas, zonas de recreo e esparexemento, e un parque biosaudable destinado ao desenvolvemento de terapias de rehabilitación.
 
2. O espazo de co-creación no hospital de Ourense. No marco do Living Lab de Ourense habilitouse un espazo físico para acoller e impulsar iniciativas e proxectos innovadores en saúde. Este espazo está situado na planta baixa do novo edificio de hospitalización e permitirá co-crear proxectos innovadores a través de interactuación e intercambio de coñecemento e experiencias entre empresas, profesionais e usuarios.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.