Patrocinio comercial

Considérase patrocinador a toda entidade, distinta da organizadora, que colabora no desenvolvemento da actividade a través de financiamento económico, dando apoio ou fornecendo medios para a súa realización.

O provedor debe garantir a independencia dos contidos e docentes, que non poderán ter un nesgo comercial nin estar condicionados polas achegas do patrocinador.

O nome ou logotipo do patrocinador comercial:

  • pode aparecer en soportes publicitarios e materiais non docentes (cartafoles, bolígrafos, cadernos, etc.), no certificado da actividade e nas sinalizacións das zonas do recinto docente. Deberán ser identificados inequivocamente como patrocinadores.
  • non pode aparecer nos contidos docentes da actividade: nin nos textos, fichas ou presentacións que utiliza o docente ou que se entreguen ao alumnado.

Nas actividades presenciais, a área de publicidade comercial deberá estar claramente diferenciada da área docente.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.