O Servizo Galego de Saúde finalista nos premios europeos á contratación pública de innovación do Consello Europeo de Innovación (EUIPAwards)

  • O European Innovation Council lanzou a primeira edición dos Premios Europeos á Contratación Pública de Innovación, que pretenden recoñecer aos compradores públicos e privados de toda Europa nos seus esforzos por promover a contratación de innovación.
 
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2021.- Once candidaturas están na final da primeira edición do 'European Innovation Procurement Prize' que ten como finalidade recoñecer os casos máis relevantes de compradores, tanto públicos e privados, sobre prácticas de adquisición de innovación en Europa.
 
Os galardóns, teñen como obxectivo dar visibilidade á importancia dunha estreita cooperación entre o comprador e o provedor para levar as solucións innovadoras ao mercado. Trátase dunha das iniciativas do EIC destinada a apoiar e fomentar a contratación de innovación na Unión Europea.
 
Os finalistas para cada unha das 3 categorías deste ano son (en orde alfabética):
 
Categoría Innovation procurement strategy award: na que se premian estratexias a longo prazo que desencadean diferentes adquisicións de innovación, solucións e prácticas sustentables.
  • INNOSPRINT DIH (Francia)
  • INNO-AHA SERGAS (España) (the Galician Innovation Journey in search of PPI Solutions for Active and Healthy Ageing)
  • NCBR-IS (Polonia)
  • RESAH INNOVATION (Francia)
  • Smartiago (España)
  • WBL PCP e PPI (Países Baixos)
Categoría Facing societal challenges award: na que se premian prácticas innovadoras relacionadas coa pandemia pola COVID-19.
  • Citizen e-Desk Bari (Italia)
  • IHSI (Bélxica)
  • WBL PCP e PPI (Países Baixos)
Categoría Procurement leadership award: na que se recoñecen a persoas sobresalientes que empoderan ao seu equipo para ter éxito e desencadean prácticas de adquisición de innovación.
  • C-SOC SDAPA ICT (Italia)
  • MS-1 (Polonia)
 
No anuncio dos finalistas, a Comisaria de Innovación, Investigación, Cultura, Educación e Mocidade, Mariya Gabriel, manifestou: "A contratación de innovación é un instrumento chave para garantir a recuperación europea de forma sustentable. Transforma positivamente a economía non só creando mercados novos e sustentables, senón tamén abordando desafíos sociais como o cambio climático. Espero recompensar aos primeiros gañadores deste novo premio EIC e estou convencido de que, coa súa experiencia e estratexias, marcarán o camiño para que outros se unan para impulsar o uso da contratación de innovación na Unión Europea".
 
Candidatura do Servizo Galego de Saúde: INNO-AHA SERGAS
 
A candidatura titulada "The Galician Innovation Journey in search of PPI Solutions for Active and Healthy Ageing" (INNO-AHA SERGAS) mostra a aposta da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde dende o ano 2012 pola compra pública innovadora con proxectos como Hospital2050 e Innovasaúde, Código100 e proxectos actualmente en marcha como Innova MicroLab, INNOVATRIAL ou LABSAÚDE -o primeiro living lab de saúde do SERGAS-. Ademais a candidatura inclúe o recoñecemento de Galicia como unha das rexións de referencia europea no desenvolvemento, a adopción e escalado de prácticas innovadoras para un envellecemento activo e saudable.
 
Próximos pasos
 
Cada semifinalista será convidado a unha audiencia privada cos membros do xurado que levará a cabo de forma remota en outubro de 2021. As audiencias seguirán un procedemento estricto que permite a cada solicitante presentar a solicitude presentada e responder as preguntas do xurado.
 
Logo, os membros do xurado seleccionarán un gañador e un finalista por categoría, e serán anunciados no Cume do Consello Europeo de Innovación do 24 ao 25 de novembro de 2021.
 
Ademais do prestixioso recoñecemento, o gañador de cada categoría será recompensado con 75.000 EUR, mentres que cada un dos subcampións recibirá 25.000 EUR.
 
Tamén se convidará a todos os semifinalistas a unirse a un grupo de compradores pioneiros para mostrar a súa experimentación e obter inspiración das experiencias doutros compradores, por exemplo, para aprender sobre novos enfoques a través do intercambio de boas prácticas, iniciativas, ideas e innovacións.

Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.