O Director do Consello Europeo de Innovación (EIC) felicita ao Servizo Galego de Saúde polo galardón do I Premio europeo de Contratación Pública de Innovación

  • A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde organizou unha xornada virtual para presentar a candidatura do SERGAS aos premios europeos de Contratación Pública de Innovación.
  • Durante a xornada aproveitouse para dar a coñecer a rede de nodos de innovación das sete áreas sanitarias e presentar a III edición dos premios de innovación en saúde.
 
Santiago de Compostela, 12 de maio 2022.- A Axencia Galega para o Coñecemento en Saúde organizou no día de hoxe a Xornada de Innovación en Saúde. O evento online, retransmitido a través da canle de Youtube da ACIS, contou na apertura co seu Xerente, Antonio Fernández-Campa e Isidro Nuñez Vázquez, HealthCare System Partner de Roche Farma.
 
Trala apertura da xornada, Jean-David Malo, Director da Axencia Executiva para o Consello Europeo de Innovación e Pemes (EISMEA), interviu para felicitar ao SERGAS como gañador do I Premio europeo á Contratación Pública Innovación (EUIPAwards), concedido polo Consello Europeo de Innovación. A candidatura galardoada mostra a aposta do SERGAS pola Compra Pública Innovadora (CPI) dende o ano 2012 e salienta proxectos como  Hospital2050, InnovaSaúde, Código100 e iniciativas actualmente en desenvolvemento como Innova MicroLab, INNOVATRIAL ou LABSAÚDE -a rede de living labs de saúde do SERGAS-. Este prestixioso galardón recolle ademais o recoñecemento de Galicia como rexión de referencia europea no desenvolvemento de prácticas innovadoras para o envellecemento activo e saudable.
 
Para abordar a relevancia deste recoñecemento e da CPI, o evento contou cunha mesa redonda composta por Javier Quiles del Río, Subdirector de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Área Sanitaria de Ferrol e Alicia Piñeiro Redondo, Xefa de servizo da División de Consultoría de GALARIA, que resaltaron a importancia deste galardón e detallaron os proxectos que formaron parte da candidatura.
 
A segunda das mesas pretendeu dar a coñecer a rede de nodos de innovación do SERGAS, como elemento dinamizador dos centros sanitarios. Interviron Alejandro Ávila Álvarez, Pilar Rodríguez Ledo e Daniel Simón Valero, nodos coordinadores das áreas de A Coruña, Lugo e Vigo, respectivamente.
 
Por último, anunciouse a vindeira convocatoria da III edición dos Premios de Innovación en Saúde do Sistema Público de Saúde de Galicia, que tiveron gran acollida nas anteriores edicións, premiando as ideas innovadoras de profesionais e pacientes co fin de impulsar a participación dos cidadáns nos procesos de I+D+i e nas incorporacións innovadoras na sanidade pública.
 
Por outra banda, con motivo da xornada, estes días estanse a publicar a través das redes sociais da ACIS diversos exemplos de proxectos de innovación. Entre estes proxectos, se recollen os correspondentes a innovación na atención á Covid-19, como TELEA-Covid, un desenvolvemento específico para Covid da plataforma de atención domiciliaria para pacientes; ou o pooling de probas PCR, que permitiu implantar cribados en determinados grupos de poboación dado o incremento da capacidade dos laboratorios que supuxo. Tamén se poden ver outros proxectos dirixidos a atención dos pacientes, como CRM100 proxecto para rescatar chamadas non atendidas inicialmente dirixidas polos pacientes aos sus centros de saúde; a APP SergasMobil, a través da cal os cidadáns poden levar a cabo as súas xestións co SERGAS e acceder a súa historia clínica; ou o proxecto de quimioterapia domiciliaria implantado na área sanitaria de Lugo para determinados procesos oncolóxicos. Entre o listado de proxectos que se dan a coñecer tamén está o XIDE para a xestión da demanda non programada en centros de saúde; SHARE a plataforma de xestión do coñecemento en saúde do SERGAS; ou proxectos de impresión 3D.
 
A xornada contou ca presenza do Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen clausurou o evento remarcando a importancia do premio europeo logrado e dos nodos de innovación como ferramenta promover a mellora continua de todo o sistema sanitario. Durante a súa intervención invitou a pacientes e profesionais a presentar ás súas candidaturas na III edición dos Premios de Innovación en Saúde.

Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.