Modalidade da formación

PRESENCIAL

Son aquelas actividades que esixen a interacción persoal de docentes e alumnado nun lugar físico concreto.

 

A DISTANCIA

Con separación física entre docente e alumnado que habitualmente implica a trasmisión asíncrona do coñecemento e a aprendizaxe independente e flexible do alumno.

Podemos agrupar as actividades de formación a distancia en dúas grandes categorías que se corresponden ás etapas evolutivas da propia modalidade formativa:

 
    Tipo I.  De provisión ou xestión de contidos. Apóiase principalmente na distribución de materiais didácticos dixitalizados (libros, revistas, CD, DVD, webs con materiais descargables, vídeos, textos...) Inclúe tamén os chamados «cursos abertos e masivos en liña», máis coñecidos polas súas siglas en inglés, MOOC (Massive Open Online Course), onde a aprendizaxe está centrada nos materiais didácticos, usualmente vídeos e lecturas. Este tipo de cursos, autoformativos, permiten o acceso a miles de estudantes, non existe interacción entre eles e a revisión evaluativa realízase de maneira automática ou por pares.
 
    Tipo II.  De comunicación.  Apóiase en plataformas dixitais e reproduce os procesos involucrados na aprendizaxe: inclúense actividades que os estudantes deben resolver e recoñécese a necesidade dun elemento clave, a comunicación. Pártese da idea de que unha aprendizaxe efectiva necesita diálogo, conversación, discusión e reflexión e establéceos como centro da experiencia do proceso formativo, que se concibe como un proceso social non solitario.

 

MIXTA

Actividades que inclúen unha parte presencial e outra non presencial, ambas as dúas con perfil pedagóxico.

En ocasións poden xurdir dúbidas entre formación presencial que contempla actividades fóra da aula e as actividades mixtas. Para considerar unha actividade como mixta, a parte presencial e a non presencial, deben ter entidade propia, é dicir, os seus propios obxectivos, actividades, docentes etc. A existencia de titoría da parte non presencial é obrigatoria. A lectura e estudo de materiais docentes, a realización dalgún exercicio ou procura de información non son suficientes, por si sós, para outorgarlle o carácter de modalidade mixta a unha actividade docente.

Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.