Metodoloxía docente

A metodoloxía é a forma en que imos poñer en xogo todos os recursos e procedementos previstos para que se creen ocasións de aprendizaxe.

A calidade dunha metodoloxía está relacionada coa súa adecuación aos obxectivos que se pretenden acadar, coa interactividade e retroalimentación que lle proporciona ao alumnado e co grao de simulación da realidade que consegue.

En xeral, canto máis activo e protagonista da súa aprendizaxe sexa o profesional, mellor consideración terá a metodoloxía.

En todas as actividades docentes debe existir algún tipo de dinámica que permita a participación do alumnado: debates, traballo de casos, resolución de problemas, exercicios de reflexión, exercicios de aplicación da teoría, traballos de grupo, dramatizacións ou métodos equivalentes.

No caso de que na formación participen pacientes reais, ou se acceda á súa información persoal, deberase declarar como se garanten os seus dereitos á intimidade e a protección dos datos persoais.

Describa con claridade e precisión a metodoloxía que se vai utilizar, indicando os ritmos, secuencias, roles, accións, condicións, etc. nas que se vai desenvolver. Manteña coherencia cos obxectivos específicos, temario, organización e avaliación. As dinámicas de participación e interacción utilizadas deben estar claramente identificadas no programa do curso.

 

A este apartado dáselle un valor importante, a media das cualificacións dos avaliadores neste punto multiplícase polo factor de ponderación 1,5

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.