Material de formación para pacientes e cidadanía en avaliación de tecnoloxías sanitarias

  
A Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias (ETS, do castelán Evaluación de Tecnologías Sanitarias) é a avaliación sistemática da eficacia, seguridade, custo-efectividade, e aqueles aspectos relevantes desde o punto de vista social e ético dunha tecnoloxía sanitaria para os pacientes, a cidadanía e o sistema sanitario.
 Enténdese por tecnoloxía sanitaria calquera intervención que poida ser empregada para promover a saúde, previr, diagnosticar ou tratar enfermidades, ou para a rehabilitación ou os coidados a longo prazo. Por tanto, poden ser consideradas tecnoloxías sanitarias intervencións como programas educativos, técnicas diagnósticas, vacúas, fármacos, programas de cribado, dispositivos ou a organización dos servizos nos sistemas sanitarios.
 A implicación dos pacientes e a cidadanía na ETS é importante posto que os pacientes teñen a experiencia única de convivir coas enfermidades e coñecen o impacto destas na súa calidade de vida. Poden achegar as súas preferencias, necesidades e colaborar na detección de tecnoloxías e na súa avaliación. Ademais, poden participar como pacientes individuais ou como representante de asociacións de pacientes coa enfermidade ou problema de saúde obxecto de estudo, e tamén poden participar coidadores ou familiares.
 A través desta participación espérase que os pacientes e a cidadanía contribúan na análise do impacto das tecnoloxías sanitarias.
Estes materiais foron elaborados para formar a pacientes e cidadanía para participar nos procesos de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias. No desenvolvemento destes materiais, participaron persoas das axencias e unidades da RedETS​, en colaboración con asociacións de pacientes e cidadanía de maneira individual.
shutterstock_1494997784.jpg 
 
Documentos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.