Galicia xunto con Baixa Silesia en Polonia logra unha das 6 iniciativas de irmandamento no campo do envellecemento activo e saudable financiadas pola Comisión Europea

A través deste proxecto compartirase o funcionamento da plataforma sanitaria TELEA, que permite o control domiciliario do doente.
Durante a crise da Covid-19, esta ferramenta virtual foi adaptada para vixiar aos casos máis estables e liberar camas para os máis graves.
 
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2020.- Galicia acadou, xunto coa rexión de Baixa Silesia (Polonia), unha das seis iniciativas de irmandade da iniciativa estratéxica European Innovation Partnership on Active and Healthy Ageing EIP on AHA (coñecido como “Twinnings”), que financia a Comisión Europea, e que serven para levar a cabo actividades de intercambio de coñecementos desde agora ata o mes de novembro.
 
eip_on_aha.png

Os proxectos de irmandade promovidos céntranse no eido do envellecemento activo e saudable. No caso concreto de Galicia fixo a solicitude para traballar xunto coa rexión de Baixa Silesia. A súa colaboración basearase no intercambio de coñecemento no eido da teleasistencia a domicilio. Así, os irmáns de Polonia poderán comprobar o funcionamento da plataforma TELEA do Servizo Galego de Saúde. TELEA é a plataforma de teleasistencia domiciliaria desenvolvida en Galicia e que pon a disposición dos doentes crónicos, entre outros, unha web na que mellorar o seguimento do seu caso e das súas patoloxías.
 
Cabe destacar que o Servizo Galego de Saúde adaptou TELEA durante a crise xerada pola Covid-19 coa finalidade de vixilar aos casos máis estables e liberar camas para os casos máis graves nos hospitais. Tamén se utiliza TELEA como programa de apoio para os pacientes que foron dados de alta.
 
Grazas á iniciativa Twinnings o grupo de traballo formado por Galicia e Baixa Silesia levarán a cabo accións conxuntas, reunións e transferencia de coñecemento en torno a solucións dixitais para as TIC.
 

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.