Galicia rexión de referencia europea no desenvolvemento e adopción de prácticas innovadoras para un envellecemento activo e saudable

  • A iniciativa estratéxica European Innovation Partnership on Active and Healthy Ageing (EIP on AHA) recoñece a Galicia como Rexión de Referencia no desenvolvemento e a adopción de prácticas innovadoras para un envellecemento activo e saudable.
  • Galicia revalida o máximo galardón logrado na convocatoria anterior con catro estrelas, das catro posibles.
 
Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2022.- No marco da cuarta convocatoria de Reference Sites 2022 da iniciativa European Innovation Partnership on Active and Healthy Ageing (EIP on AHA), Galicia continúa como rexión de referencia europea na adopción de prácticas innovadoras para un envellecemento activo e saudable, obtendo a máxima puntuación, catro estrelas.
 
Na súa primeira edición en 2013, Galicia foi recoñecida coma Reference Site con 2 estrelas e recibiu unha das cinco mencións de honra dadas pola Comisión para reflectir os logros conseguidos pola nosa historia clínica electrónica tanto en resultados como en integración. Posteriormente, na seguinte convocatoria en 2016, Galicia logrou 3 estrelas das catro posibles, logrando en 2019 o máximo galardón con 4 estrelas.
 
En xullo deste ano, a Consellería de Sanidade, a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, presentou a candidatura para optar a reacreditación que ten lugar cada 3 anos, demostrando a existencia de estratexias integrais para avanzar en innovación para un envellecemento activo e saudable, baseado nun modelo de “cuádrupla hélice” que inclúe á industria, a sociedade, a academia e as autoridades gobernamentais a nivel rexional e local.
 
A candidatura mostrou a aposta da Consellería pola compra pública innovadora con proxectos como o Plan de envellecemento activo Código 100 e proxectos actualmente en marcha como INNOVATRIAL ou Innova MicroLab. A candidatura inclúe a posta en marcha do primeiro living lab de saúde do SERGAS no Hospital Universitario de Ourense, rexión das máis envellecidas de Europa. Recolle tamén a internacionalización do sistema público de saúde con iniciativas lideradas por Galicia como o proxecto TITTAN -rede de intercambio europea de boas prácticas para potenciar a innovación naquelas liñas de traballo que afectan ao envellecemento-.
 
A aposta pola dixitalización e a Intelixencia Artificial da Consellería de Sanidade volveu a ser premiada pola iniciativa europea. Con experiencia a longo prazo no desenvolvemento de sistemas baseados en IA como CADIA (Hospital2050) ou ADICAD (InnovaSaúde), a candidatura tamén recolleu iniciativas en marcha como TARTAGLIA -rede federada de Intelixencia Artificial para acelerar a Investigación Sanitaria-; ou a oitava área sanitaria do SERGAS que permite aos profesionais acceder a toda a información clínica de forma anonimizada.
 
O galardón outorgarase o próximo 10 de outubro en Bruxelas, nun acto organizado pola Reference Site Collaborative Network (RSCN).

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.