Formatos das actividades de formación continuada

CONGRESO:

Reunión de contacto e intercambio entre persoas especialistas nalgunha materia na que se proporciona información, se comunican as novidades e últimos descubrimentos, se analizan problemas, se buscan solucións e se adoita tomar decisións. Principais características e requisitos:

  • Contén actividades con distinta metodoloxía e contido variado.
  • Actividades simultáneas, esporádicas e breves no tempo.
  • Poden ter comunicacións libres e pósters.
  • Elevado número de participantes dunha ou máis profesións.
  • Debe ter un comité científico e un comité organizador.
  • Poden ter ou non un comité de honra

 

CURSO:

Actividade formativa dirixida á adquisición de coñecementos e mellora da competencia nunha materia específica e determinada, con participación dun ou varios docentes, en distintas sesións definidas e estruturadas no tempo. Principais características e requisitos:

  • A achega teórica é maioritaria.
  • Recoméndase presentar contidos prácticos para integrar os coñecementos.
  • Existencia dun coordinador que facilite o contacto entre os diversos relatores.
  • O punto de partida de coñecementos debe ser común aos discentes.
  • Número de alumnos máximo recomendado: ao redor de 30.

Nos cursos presenciais os participantes comparten un mesmo espazo físico docente ou conexión sincrónica.
Os cursos non presenciais son aqueles nos que os participantes non comparten ese espazo físico, hai unha flexibilidade horaria e espacial, e están apoiados preferentemente en titores e materiais docentes confeccionados para cubrir os obxectivos que se pretenden conseguir. Poden ter un número elevado de participantes, pero pódense organizar en grupos máis reducidos (aulas virtuais) que permitan unha relación intensa e colaborativa entre eles. Deben contar cun sistema de titoría.
Os cursos mixtos son aqueles que constan dunha parte presencial e outra non presencial. Deberán cumprir as especificacións descritas para actividades presenciais e non presenciais.

 

ESTANCIA FORMATIVA:

Estancia a tempo completo ou parcial de profesionais en centros diferentes aos do seu traballo habitual, co fin de coñecer experiencias e adquirir competencias en áreas moi concretas e en técnicas específicas nas que eses centros son referentes.  Principais características e requisitos:

  • Require a incorporación do participante no servizo ou área de práctica clínica ou xestión sanitaria determinada.
  • Escaso número de participantes: 1 ou 2 por rotación.
  • Duración en función dos contidos concretos e dos obxectivos que se pretenden acadar.
  • A partir de 6 horas por día considerarase reforzo da aprendizaxe.

 

XORNADA:

Actividade na que se actualizan coñecementos sobre unha materia determinada cunha estrutura de relatorios e mesas de debate. Principais características e requisitos:

  • Actividades con distinta metodoloxía e contido dentro dun mesmo tema.
  • Esporádica e breve no tempo.
  • Elevado número de participantes dunha ou máis profesións.
  • Sen actividades simultáneas no tempo

 

MESA REDONDA:

Actividade na que un equipo de expertos, que sosteñen puntos de vista diverxentes ou contraditorios sobre un mesmo tema, expoñen ante o grupo en forma sucesiva e coordinados por un moderador. Principais características e requisitos:

  • Os participantes deben ser coñecedores da materia, hábiles para expoñer e defender con argumentos sólidos a súa posición.
  • Cada expositor falará durante uns minutos de modo sucesivo.
  • O moderador cederá a palabra de modo sucesivo aos integrantes da mesa redonda e, ao final, fará un breve resumo das ideas principais de cada un deles e destacará as diferenzas notorias que se expuxeron.
  • O moderador convidará o auditorio a efectuar preguntas.

 

SEMINARIO:

Actividade onde se aborda con carácter monográfico e en profundidade un tema determinado, respondendo a unha necesidade formativa concreta exposta nun momento dado. Principais características e requisitos:

  • Intercambio de experiencias e de coñecementos diferentes con crítica, diálogo, discusión e reflexión entre os participantes.
  • Diríxese á adquisición de coñecementos e á modificación de actitudes.
  • Os membros teñen intereses comúns en canto ao tema e un nivel semellante de información.
  • Na súa organización e deseño cómpre unha preparación previa e débense achegar materiais para o uso común dos asistentes, así como o establecer as condicións para o seu correcto desenvolvemento.
  • Os resultados ou conclusións son responsabilidade de todo o grupo.
  • Conclúe cunha sesión de resumo e avaliación do traballo realizado.
  • O número de alumnos aconsellable é entre 5 e 12. De se dirixir a un grupo máis grande, convén subdividilo.
  • Curta duración en xeral; entre dúas ou tres horas.
  • Pódese estender durante varios días ata a súa finalización.

 

SESIÓNS CLINICAS:

Actividades periódicas programadas onde un grupo de profesionais intercambia información científica, opinións e experiencias sobre áreas de competencias comúns da súa práctica diaria. Inclúen, entre outras:

  • sesións clínicas;
  • series de casos;
  • exposición de casos xa resoltos;
  • resolución de casos con expertos;
  • sesións sobre probas complementarias, fármacos, derivacións, escenarios...;
  • sesións bibliográficas;
  • sesións sobre guías de práctica clínica;
  • sesións transversais (calidade asistencial, organización, clínica, etc.)

 

SIMPOSIO:

Reunión de especialistas e expertos na que se desenvolven diferentes aspectos dun tema de forma completa e detallada dende diversos enfoques a través de intervencións breves, sintéticas e de sucesión continuada. Principais características e requisitos:

  • Os especialistas expoñen durante 15 a 20 minutos.
  • Un coordinador resume as ideas principais.
  • O auditorio formula preguntas e dúbidas que os expertos aclaran e responden.
  • Elevado número de participantes.

 

OBRADOIRO:

Actividade formativa predominantemente práctica que ten por obxectivo fundamental o desenvolvemento de habilidades. Principais características e requisitos:

  • Require participación activa do alumnado.
  • Gran interacción entre alumnado e docentes e de alumnos entre si.
  • Número de alumnos aconsellable: 6 a 8 por docente.
  • Curta duración. O número de horas irá en función dos contidos concretos e dos obxectivos que se pretenden alcanzar.

 

GRUPO DE TRABALLO:

Modalidade que supón nos seus integrantes un importante nivel de formación previa e de reflexión sobre a práctica sanitaria. Caracterízase pola autonomía progresiva e pola calidade da súa actuación, de forma que os seus proxectos e materiais elaborados poidan servir tamén a outros sanitarios. Principais características e requisitos:

  • É necesaria a existencia previa de formación e traballo compartido polos compoñentes.
  • Poderán proceder do mesmo ou distinto centro de traballo e da mesma ou distinta profesión.
  • Existirá un coordinador para a organización e distribución de tarefas, control de aspectos burocráticos (follas de firmas, orde do día de cada sesión, informes de avaliación, etc.). Presentación da memoria elaborada conxuntamente por todo o grupo.
  • Número de participantes aconsellable: entre 4 e 12.
  • A duración das sesións aproximada será de 2 horas

A temática de traballo incidirá:

    en mellorar os procesos sanitarios;
    na elaboración, análise e experimentación de protocolos, guías, etc. e
    na investigación/innovación centrada nos diferentes feitos que acontecen no contorno sanitario.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.