Criterios de elaboración de certificados e modelos

A emisión dos diplomas e certificados correspóndelle ao provedor, que se fai responsable da veracidade da información que estes conteñan e estea en poder dos destinatarios.

No ANVERSO debe figurar:

PARTE SUPERIOR

a) Logotipo do provedor ou entidade solicitante que debe ser a que figura na solicitude. Será o de maior tamaño de todos os logotipos impresos no documento. 

b) O nome do documento será o de Certificado/Diploma.

 

PARTE CENTRAL

Texto libre no que se incluirá polo menos:

a) Nome e apelidos do participante/alumno tal como figura no seu documento de identidade, é dicir, non se deben utilizar abreviaturas nin nomes familiares.

b) Título da actividade. Idéntico ao que figura na notificación oficial de acreditación emitida pola Secretaría Técnica da Comisión. 

c) Data de inicio e de finalización que figuran na notificación de acreditación. Se se modificaron as datas de realización da actividade, habería que llo comunicar á Secretaría Técnica antes do inicio da formación. 

d) Nas actividades a distancia, deberase indicar o período total de duración da actividade.

 

PARTE INFERIOR

a) Cita de acreditación co seguinte texto obrigatorio e literal, xunto co logotipo do Sistema de Acreditación no extremo inferior dereito.
 
«Actividade acreditada pola Comisión de Formación Continuada do Sistema Nacional de Saúde da Comunidade Autónoma de Galicia con XX créditos para... e nº de expediente....»

b) Lugar e data de expedición do certificado

c) Sinatura, polo menos, do responsable da entidade provedora. Obrigatoriamente, deberá figurar en letra de imprenta o nome, apelidos e cargo da/s persoa/s que asina/n.

d) Cando a actividade docente acreditada inclúa especialistas en formación (residentes), deberase engadir a seguinte lenda:

« Os créditos desta actividade formativa non son aplicables aos profesionais que participen nela e que se estean a formar como especialistas en Ciencias da Saúde»

e) Cando a actividade docente acreditada forme parte dun programa de máster ou especialización, farase constar no certificado.

 

No REVERSO farase constar:

Programa da actividade formativa na que se detalle cada tema e a súa duración en horas (especificando horas teóricas e prácticas).

Poderase certificar en anexo á parte no caso de que a extensión do programa exceda o tamaño do documento; nese caso, relacionarase o anexo.

Datos de rexistro da entidade provedora.

 

Nota: os docentes, directores, coordinadores, titores, relatores, conferenciantes, etc. dunha actividade acreditada non obteñen créditos de formación continuada e, polo tanto, non poden recibir os mesmos certificados ca os participantes.

Poden recibir certificados, claramente diferentes na súa maquetación, sen o uso do logotipo de acreditación nin mención aos créditos outorgados á actividade, nos que se faga constar o seu grao de participación nunha actividade docente acreditada.

Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.