Avaliación das solicitudes

 

A Secretaría Técnica, tras a recepción, rexistro e valoración formal das solicitudes de acreditación, remitiralles a documentación completa de cada expediente aos membros do Comité de Acreditación a través da plataforma SAGa Avaliadores.

Os avaliadores valorarán a actividade de forma independente, con base nos seus coñecementos técnicos, outorgando unha puntuación de acordo cos criterios cualitativos aprobados pola Comisión de Formación Continuada das Profesións Sanitarias do Sistema Nacional de Saúde e remitiranlle esa valoración á Secretaría Técnica a través do portal web SAGa Avaliadores.

Por acordo da Comisión Nacional, cada actividade será avaliada por un mínimo de tres e un máximo de cinco avaliadores, sen prexuízo de solicitar valoracións adicionais cando resulte necesario.

As edicións novas e idénticas (reedicións) dunha actividade xa acreditada serán estudadas pola Secretaría Técnica para comprobar que son iguais á anterior e asignaránselles os mesmos créditos obtidos por ela, a condición de que non se produzan novidades nos criterios ou métodos de avaliación, nin calquera outra circunstancia que puidese modificar a asignación de créditos dunha actividade.

Consideraranse reedicións as celebradas nos dous anos seguintes á primeira solicitude.

 

AVALIACIÓN E ADXUDICACIÓN DE CRÉDITOS

O número de créditos é o resultado de valorar dous compoñentes:

1. Compoñente cuantitativo ou factor de extensión (CCT)

A Secretaría Técnica propoñeralle á Comisión as horas para o cálculo do compoñente cuantitativo en todo tipo de actividades, presenciais, non presenciais e mixtas.

En todo caso, consideraranse como máximo 100 horas, independentemente das horas estimadas polo provedor.

Duración da formación presencial:

É valorada pola Secretaría Técnica en función do cronograma achegado polo provedor.

Non se computarán como horas acreditables:

  • os descansos,
  • o tempo dedicado á entrega de documentación,
  • a presentación e clausura agás que polo seu valor pedagóxico formen parte do contido docente de actividade,
  • calquera outra actividade non orientada á aprendizaxe nin á súa avaliación;
  • nos congresos, reunións, xornadas, simposios, etc. non será acreditable o tempo dedicado á presentación de pósters e comunicacións ou a actividades que non formen parte do programa científico asumido pola organización.

Duración da formación non presencial:

É valorada pola Secretaría Técnica en función dos informes dos avaliadores e fai referencia ao tempo en horas que cada alumno lle deberá dedicar á aprendizaxe sen presenza física. Non se computarán máis de 5 horas semanais de dedicación.

Ponderación do compoñente cuantitativo.

Aplícase un factor de ponderación graduado:

Duración​ ​Ponderación
​menor ou igual a 20 horas x 1,1
​entre 21 e 40 horas ​x 1,0
​entre 41 e 80 horas ​x 0,9
máis de 80 horas​ ​x 0,7

 
Esta corrección tende a ponderar o impacto, sobre o número final de créditos, das actividades de moi longa duración, que en xeral presentan dilemas interpretativos sobre a súa natureza de formación continuada.

 

2. Compoñente cualitativo ou factor de calidade (CCL)

É valorado para cada actividade por un mínimo de tres e un máximo de cinco avaliadores externos de acordo cos criterios comúns, xerais e mínimos establecidos pola Comisión de Formación Continuada das Profesións Sanitarias do Sistema Nacional de Saúde.

A valoración contempla cinco elementos:

  • pertinencia,
  • obxectivos,
  • metodoloxía docente,
  • avaliación e
  • organización e loxística.

Ponderación do compoñente cualitativo.

Partindo da base da importancia desigual que se concede a cada un dos criterios nos que se basea o compoñente cualitativo (CCL), introdúcese un factor de ponderación en cada un:

​Elemento Ponderación​
​Pertinencia ​x 2
​Obxectivos ​x 1
Metodoloxía ​x 1,5
​Avaliación ​x 1,5
​Organización e loxística ​x 1

 

 
Para obter a acreditación, o valor do CCL debe ser igual ou maior que 1.

O número total de créditos asignados a unha actividade concreta é o resultado do produto da puntuación do compoñente cualitativo (CCL) polo compoñente cuantitativo (CCT).
                                                  
                                           Nº CRÉDITOS = CCT x CCL

Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.