Os socios do proxecto interrexional europeo Regions4PerMed participaron no día de onte e de hoxe nunha conferencia virtual na que compartiron as principais barreiras e obstáculos da investigación e innovación sobre medicina personalizada dentro dos sistemas sanitarios rexionais.
A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) forma parte do proxecto europeo Regions4PerMed que ten como obxectivo primordial a implantación da medicina personalizada nos sistemas sanitarios rexionais. No proxecto participan seis socios, ademais da ACIS, intégrano outras cinco organizacións de referencia en Europa: a Fondazione Regionale per a Ricerca Biomedica (FRRB, de Lombardia en Italia), Fondazione Toscana Life Sciences (TLS, de Toscana en Italia), o Healthy Saxony (HS de Saxonia en Alemaña), a Urzad Marszalkowski Wojewodztwa Dolnoslaskiego e a Uniwersytet Medyczny Wroclawiu (UMWD e WMU de Baixa Silesia en Polonia).
A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) organizou unha conferencia dentro do marco do proxecto Regions4PerMed. A conferencia desenvolveuse durante dous días, 13 e 14 de xullo, coa intervención de diferentes expertos de Europa, onde se discutiron os principais retos da medicina personalizada enfocados na investigación e innovación.
Dentro deste contexto, as sesións programadas diferenciáronse en dous bloques de intervencións. O primeiro día centrouse en analizar aspectos tales como o uso eficiente das infraestruturas de investigación e innovación (I+D+i) e os diversos instrumentos financeiros que fomentan o desenvolvemento da I+D+i dende institucións e organismos públicos europeos. No segundo día avaliáronse as características máis relevantes do instrumento de compra pública innovadora centrado na medicina personalizada dentro dos distintos sistemas sanitarios rexionais.
O evento foi retransmitido en streaming a través da canle de YouTube da ACIS.