ACIS asiste ao congreso online “HEALTH TECHNOLOGY IN CONNECTED & INTEGRATED CARE” organizado dentro do Proxecto REGIONS4PERMED

ACIS asiste ao congreso online “HEALTH TECHNOLOGY IN ​CONNECTED & INTEGRATED CARE” organizado dentro do Proxecto REGIONS4PERMED

- Este evento reuniu a máis de 120 participantes interesados nesta temática relacionada coa medicina personalizada.
- O proxecto REGIONS4PERMED, do que ACIS é socio, trata de promocionar e potenciar boas prácticas para implantar a medicina personalizada.​

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2020.- O pasado 2 e 3 de xullo tivo lugar a edición online da Conferencia "HEALTH TECHNOLOGY IN & CONNECTED INTEGRATED CARE”, organizada polo proxecto Horizon 2020 REGIONS4PERMED. ACIS, como socio deste proxecto europeo, participou con outros socios implicados neste proxecto en tódalas reunións previas preparatorias do evento que, por causa da pandemia da COVID-19, tivo que ser reprogramado de abril a xullo de 2020 e organizado de forma online.

Na primeira sesión do 2 de xullo analizouse dende as distintas prespectivas dos distintos relatores como as tecnoloxías sanitarias e a atención intelixente e integrada deben converterse nunha prioridade fundamental para os responsables políticos, e como se deben absorber as tecnoloxías innovadoras para prestar servizos máis personalizados aos pacientes e cidadáns.

O socio polaco, organizador da conferencia, Wroclaw Medical University(WMU), planificou un segundo día de “visita in situ”, que tamén se desenvolveu de forma online, no que tratou de mostrar como a tecnoloxía tamén pode detectar emerxencias e apoiar aos profesionais da saúde dándolles un acceso temperán á información e recomendacións. Durante este día presentáronse distintas solucións: Infermedica (que mediante a intelixencia artificial e a aprendizaxe automática desenvolve o seu motor de diagnóstico para recoller datos, comprobar síntomas e guiar aos pacientes cara á atención adecuada) e o Centro de Simulación Médica, onde os estudantes practican as súas habilidades utilizando equipos interactivos moi avanzados.


Proxecto REGIONS4PERMED

REGIONS4PERMED é un proxecto europeo que integra a 5 socios (un deles ACIS) de 4 países europeos: Polonia, Italia, Alemaña e España. O seu obxectivo é conseguir aumentar a participación e o coñecemento dos interesados pertinentes (autoridades regionales, investigadores, encargados da formulación de políticas, etc) para a aplicación da saúde personalizada.

O traballo estructurase en 5 áreas estratéxicas, dentro de cada unha delas organízase unha conferencia e talleres. Esta conferencia pertence á segunda área temática “E-Health e M-Health”, cuxo desenvolvemento corresponde aos socios polacos Wroclaw Medical University.

O obxectivo desta área é explorar o papel das tecnoloxías da saúde e as necesidades da atención intelixente e integrada e impulsar a adopción de enfoques de medicina personalizada que permitan a interceptación temperá das enfermidades, ofrecendo unha nova precisión e atención personalizada, mentres se equilibran e optimizan os gastos de atención sanitaria.

Ligazón para máis información sobre o proxecto REGIONS4PERMED (clic AQUÍ​)​



​​

Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.