A Rede de Living Labs de Saúde de Galicia (LABSAÚDE) obtén a certificación como Living Lab e membro oficial da Rede Europea de Living Labs (ENoLL)

A European Network of Living Labs (ENoLL) é a federación internacional que agrupa os mellores Living Labs de Europa e do mundo.
A Rede de Living Labs de Saúde de Galicia, LABSAÚDE, da que forma parte o Living Lab de Ourense, busca iniciativas novidosas para testar e introducir no sistema público de saúde.
 
Santiago de Compostela, 1 de Setembro de 2020.- A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) en representación da Rede de Living Labs de Saúde de Galicia (LABSAÚDE) é dende hoxe membro oficial da federación internacional da ENoLL.
 
Fundada en novembro de 2006 baixo a Presidencia Europea de Finlandia, esta rede Internacional de Living Labs está presente nos cinco continentes ademais de Europa. Ata o momento, a rede consta de máis de 300 Living Labs de todo o mundo. Despois dun exhaustivo proceso de solicitude e revisión, o comité avaliador da ENoLL determinou que LABSAÚDE e a súa formulación metodolóxica cumpren cos requisitos necesarios.
 
Directamente, así como a través dos seus membros activos, a ENoLL proporciona instalacións de co-creación, participación dos usuarios, probas e experimentación dirixidas á innovación en moitos campos diferentes como a enerxía, os medios de comunicación, a mobilidade, a atención sanitaria, etc. ENoLL é a mellor plataforma para o intercambio de boas prácticas, aprendizaxe, e desenvolvemento de proxectos internacionais de Living Labs.
 
A presentación da Rede LABSAÚDE como novo membro da EnoLL realizarase o día 2 de setembro dentro do evento Digital Living Lab Days que terá lugar dende o 2 ao 4 de setembro. Este foro online por mor da Covid-19, substitúe á reunión anual presencial da Comunidade na que a través de sesións interactivas se coñecerán as últimas metodoloxías e ferramentas, investigacións e desenvolvementos mediante a creación dunha rede de contactos e a participación nas presentacións de colaboración.
 
Como participar no Living Lab de Ourense?
A iniciativa está dirixida a empresas, empresarios a título individual e organismos de investigación. Os proxectos seleccionados poderán participar no Living Lab de Ourense, da Rede LABSAÚDE.
 
O persoal dedicado no Living Lab de Ourense levará a cabo, conxuntamente coas entidades seleccionadas, diferentes tipos de actividades, conducidas mediante dinámicas de innovación para evolucionar prototipos e produtos innovadores e establecerá valoracións obxectivas dos resultados dos proxectos con criterios socio-ergonómicos, socio-cognitivos e socio-económicos para diminuír o risco de fracaso de aceptación do produto no mercado.
 
O prazo para a presentación de solicitudes rematará o 2 de novembro de 2020, e a súa presentación deberá realizarse obrigatoriamente a través da Sede electrónica da Xunta de Galicia co código de procedemento SA304B - Participación no living lab de saúde de Ourense da rede de living labs de saúde de Galicia (LABSAÚDE).
 
Información aos interesados:
Na páxina web: https://labsaude.sergas.gal/
No correo electrónico: labsaude@sergas.es
No teléfono 981 555 103 da Axencia de Coñecemento en Saúde (extensión Unidade de Innovación).

Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.