A Plataforma E-Saúde finalista no premio europeo á Adopción de Solucións Innovadoras

6 de Febreiro de 2020
Premio promovido pola Comisión Europea ás entidades que aplican a innovación no campo do Envellecemento Activo e Saudable.

A comisión europea mantén dende o ano 2010 a iniciativa "EIP on AHA", (European Innovation Partnership on Active and Healthy Ageing). Nela intégranse as iniciativas da Dirección Xeral de Investigación, a Dirección Xeral de Tecnoloxías da Información e a Dirección Xeral de Saúde para potenciar proxectos que permitan afrontar o reto do envellecemento, e aproveitalo como unha oportunidade para crear un novo modelo económico denominado "silver economy" fundamentado no desenvolvemento de novas solucións e servizos dirixidos á poboación de máis de 65 anos.

Dentro do EIP on AHA a Comisión Europea organizou varios grupos de traballo e estableceu unha convocatoria de recoñecementos para identificar as rexións máis avanzadas neste ámbito. Galicia participa nestes grupos de traballo e nas convocatorias para o recoñecemento de rexións de referencia (Reference Sites) e obtivo nesta última, o grao máis alto de recoñecemento.

En decembro de 2019, a Comisión Europea ha aberto unha convocatoria para identificar os proxectos máis relevantes que, tras un proceso de innovación, despregáronse en Europa neste ámbito, transformando o modelo de atención socio-sanitaria, e producindo un efecto significativo no benestar da cidadanía e dinamizando ao sector empresarial, a través do co-desenvolvemento dunha solución innovadora que chegase ao mercado.

awards.png 

A Subdirección de Sistemas de Información coa colaboración de ACIS presentou a iniciativa do Sergas "E-Saúde", desenvolta a partir dunha licitación de compra pública innovadora pola empresa DXC España. Tras a valoración das candidaturas presentadas, o xurado decidiu incluír o proxecto "E-Saúde" entre os tres mellores clasificados, o que lle permitirá pasar á seguinte fase e competir polo galardón final.

O proxecto E-Saúde foi financiado con fondos FEDER 2007-2014 do Programa Operativo multirregional xestionado polo Ministerio de Economía e Industria para a competitividade e a innovación nas empresas.

O Sergas implantou con éxito esta solución, que ofrece unha serie de servizos ao cidadán, como o acceso a fichas de saúde, xestión e información sobre as súas citas en primaria e hospitais, acceso á súa historia clínica e información da medicación activa, e permite a descarga de calquera estudo de imaxe médica xerado na rede de hospitais do Sergas. Tamén ofrece espazos de difusión e contornas colaborativos ás asociacións de pacientes, e está deseñado para funcionar como soporte ás comunidades virtuais e foros sobre saúde dirixidos a distintos colectivos. O sistema permite un acceso seguro mediante o uso de certificado dixital e está deseñado para funcionar de forma óptima sobre calquera dispositivo móbil. A arquitectura de E-Saúde permite tamén a integración e o acceso seguro a outras apps e funcionalidades, como son a aplicación CALENDULA para a xestión da medicación, ou o sistema "CONTACTE" para enviar suxerencias ou reclamacións ao Sergas. Dentro do proxecto deseñouse un procedemento que, implementado na plataforma, permite a un usuario acceder como delegado aos datos doutro usuario. Esta funcionalidade permite principalmente o acceso a pais e titores, e principalmente a coidadores de persoas maiores, facilitando o seu proceso de atención. 

O despregamento tras tres anos de funcionamento alcanzou unha cifra de máis de 100.000 usuarios, con máis de 40.000 estudos de imaxe descargados.

A fase final da competición terá lugar o día 25 de Febreiro en Barcelona, durante o Mobile World Congress, (MWC). Os tres finalistas deberán presentar a solución ante o xurado, que poderá realizar preguntas sobre o proxecto. Unha vez avaliadas as tres soluciones, anunciarase o único gañador do premio nunha cerimonia de entrega que se celebrará ese mesmo día.

Podes votar polo Servizo Galego de Saúde e E-Saúde accedendo AQUÍ.​

Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.