A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde acolle o workshop sobre o impulso da innovación en medicina personalizada no marco do proxecto europeo Regions4PerMed

  • Os socios do proxecto europeo Regions4PerMed participaron activamente nun workshop online no que compartiron boas prácticas e leccións aprendidas sobre investigación e innovación en medicina personalizada dentro dos sistemas sanitarios rexionais.
 
Santiago, 17 de novembro de 2021.- A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) é socia do proxecto europeo Regions4PerMed que ten como obxectivo conseguir a implantación da medicina personalizada nos sistemas sanitarios rexionais europeos. Regions4PerMed está formado por seis socios, ademais da ACIS de Galicia intégrano outras cinco organizacións de referencia en Europa: a Fondazione Regionale per a Ricerca Biomedica (FRRB, de Lombardia en Italia), Fondazione Toscana Life Sciences (TLS, de Toscana en Italia), o Healthy Saxony (HS de Sajonia en Alemaña), a Urzad Marszalkowski Wojewodztwa Dolnoslaskiego e a Uniwersytet Medyczny Im Piastow Slaskich We Wroclawiu (UMWD e WMU de Baixa Silesia en Polonia)
 
A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) foi a anfitrioa dun taller dentro do proxecto Regions4PerMed. O taller tivo lugar en dous días, 16 e 17 de Novembro, no que interviñeron diferentes expertos de Europa presentando as boas prácticas e recomendacións dos seus respectivos territorios que poden acelerar a investigación e innovación, mellorar os instrumentos financeiros para a aplicación de novas tecnoloxías e servizos innovadores no campo da medicina personalizada.
 
Este evento estruturouse en dous bloques. O primeiro día centrouse en compartir as distintas boas prácticas a nivel rexional cos expertos, relativas á explotación das infraestruturas de investigación e innovación (I+D+i), as diferentes vías financeiras que promoven o desenvolvemento da innovación e a culminación de todo iso, en forma de servizos e prototipos innovadores directamente utilizados polos pacientes e o persoal médico. Durante o segundo día avaliáronse e identificaron as recomendacións e as leccións aprendidas para mellorar os sistemas sanitarios rexionais co impulso da innovación no ámbito da medicina personalizada.
 
O evento foi retransmitido en directo a través da canle Youtube da ACIS.
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.