Protección e valorización de coñecemento

A estratexia de valorización da investigación sanitaria de ACIS desenvólvese nun marco de colaboración, cooperación e comunicación con todos os axentes que forman parte do Ecosistema de Investigación e Innovación Sanitario Galego.

Obxectivos. A estratexia de vertebración multicéntrica de ACIS pretende:
  • Ampliar o catálogo de servizos de apoio aos investigadores para a transferencia dos resultados.
  • Obter sinerxías e economías de escala para a execución de proxectos de alto impacto.
  • Compartir novas medidas de promoción da investigación.

Nestes contextos, a cooperación é especialmente estreita coas organizacións que xeran, xestionan e promoven a transferencia da investigación biosanitaria galega. Son salientables os vínculos cos tres institutos de investigación sanitaria e coas tres fundacións de investigación biomédica.

Carteira de servizos. As liñas de apoio á transferencia de ACIS desenvólvense dun xeito coordinado cos institutos e coas fundacións, incluíndo:
  1. Servizos técnicos especializados. En coordinación cos institutos e coas fundacións, ACIS deseña e executa as estratexias máis axeitadas de valorización de proxectos e ideas, sempre coa perspectiva da súa implantación na práctica sanitaria. ACIS traballa para ofrecer servizos técnicos especializados aos investigadores. Estes inclúen a asesoría de patentes, a vixilancia tecnolóxica, a asesoría legal, a valorización de tecnoloxías, a parte regulatoria e calquera outro aspecto necesario para acadar os obxectivos establecidos.
  2. Promoción da protección da propiedade intelectual. En colaboración coas fundacións galegas de investigación biomédica, ACIS traballa na implantación de boas prácticas para a identificación e xestión dos dereitos de propiedade intelectual e industrial. Isto inclúe a interlocución cos departamentos administrativos de ámbito autonómico con competencias na xestión de resultados e convenios de investigación.

Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.