h1

A Iniciativa Global TTS é unha plataforma internacional de reunión de expertos en Biotecnoloxía, desenvolvemento de tecnoloxías médicas, fármacos, Bioindustria e Capital de Risco. Tamén participan responsables de grandes empresas farmacéuticas e representantes das principais Institucións Europeas de Investigación. O foro foi creado co obxectivo de fomentar a innovación e acelerar a transferencia dos resultados desde a investigación en biotecnoloxía e do sector da saúde ao mercado e por tanto aos pacientes.

A Global TTS aposta polo fomento da innovación a través de reunións con líderes de opinión con capacidade para debater e deliberar sobre os desafíos da industria biotecnolóxica. Ao mesmo tempo foméntase a creación de redes de alta calidade, atópanse oportunidades e acordos de colaboración e avánzase no desenvolvemento empresarial a través de proxectos e experiencias compartidas.
 
A iniciativa TTS organízase ao redor de 4 cumes internacionais. Dentro de TTS Europe e tras as últimas edicións de Edimburgo, Barcelona, París e Londres, a próxima cita chega a Santiago de Compostela, grazas ao apoio de ACIS, GAIN e a Fundación Barrié.
 
O encontro representa unha oportunidade única para avanzar na internacionalización da ciencia biomédica do Sistema Público de Saúde de Galicia. No encontro participarán ademais do Conselleiro de Sanidade e o equipo directivo de ACIS, os directores dos Institutos e Fundacións de Investigación Biomédica de Galicia. Tamén investigadores do SERGAS con proxectos en fase de desenvolvemento avanzado. Todos eles terán a oportunidade de coñecer boas prácticas de Transferencia de Tecnoloxía e establecer contactos con líderes do sector para avanzar na translación da ciencia biomédica galega á sociedade.