Santiago de Compostela recibiu ás profesionais da enfermaría na Xornada Galega de Investigación en Coidados da Saúde Baseados na Evidencia: “impulsando a excelencia dos coidados”

​​​O pasado 9 de maio reuníronse máis dunha centena de profesionais da saúde da profesión enfermeira con ocasión da Xornada Galega de Investigación en Coidados da Saúde Baseados na Evidencia: “impulsando a excelencia dos coidados” que tivo lugar en Santiago de Compostela na Consellería de Sanidade. Este mesmo día as cidades de Ferrol, Vigo e Santiago de Compostela acolleron unha serie de talleres para estas profesionais sanitarias co fin de contribuír a sua constante formación. 

O eixo central desta Xornada atópase nas enfermeiras e na sua labor investigadora orientada a acadar todos os coñecementos baseados na evidencia que serán de aplicación nos coidados que se ofreceran a cidadanía, facendo fincapé na importancia de dar valor a profesión enfermeira e a sua constante evolución.

Nesta Xornada tivemos a oportunidade de escoitar a expertos e expertas no campo dos coidados baseados na evidencia que expuxeron as últimas investigacións e prácticas neste ámbito e que deron pé, a través de discusións, preguntas e mesas redondas, a compartir as experiencias e aprendizaxes propias das profesionais.

Dende ACIS celebramos esta frutífera Xornada que fomenta e recoñece a investigación na profesión enfermeira da Comunidade Autónoma de Galicia.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.